A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, clausurou hoxe o Congreso Anual de Seguridade Industrial
A Xunta aprobará unha nova liña de axudas de máis de 1M€ para promover a seguridade industrial nos polígonos empresariais
Lorenzana apunta que estes apoios van dirixidos ás asociacións de empresarios e entidades de conservación e xestión de polígonos empresariais, para a instalación nestes espazos de sistemas de seguridade e vixilancia ou equipamentos de protección antiincendios, entre outros
Lembra a posta en marcha este ano do Consello Galego de Seguridade Industrial e dun plan extraordinario de inspeccións para reforzar o plan anual
Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2024
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe que a Xunta de Galicia aprobará o vindeiro ano unha nova liña de axudas de máis de 1M€ para promover a seguridade industrial nos polígonos empresariais.
Así o avanzou durante a clausura do Congreso Anual de Seguridade Industrial, onde precisou que estes apoios van dirixidos ás asociacións de empresarios e entidades de conservación e xestión de polígonos empresariais, para a instalación nestes espazos de sistemas de seguridade e vixilancia ou equipamentos comúns de protección antiincendios, entre outros.
Lorenzana apuntou que este ano o Goberno galego aprobou un programa extraordinario que inclúe medidas como o Plan de inspección do 2024, que establece máis de 1.400 controis en instalacións sometidas a regulamentos de seguridade (instalación eléctricas, ascensores, estacións de servizo ou instalacións térmicas en edificios, entre outros); empresas instaladoras ou de mantemento; accidentes graves e empresas de bronceado.
Tamén se puxo en marcha un Plan extraordinario de inspección (con 230 inspeccións) que reforza o plan anual e está enfocado a hoteis, centros comerciais, grandes auditorios, espazos multiusos, garderías, salas de festa e discotecas; xunto con instalacións con equipos a presión, de autoconsumo ou frigoríficas, ademais de parques eólicos con acta de posta en servizo.
E, xunto con isto, destacou a creación do Consello Galego de Seguridade Industrial o pasado mes de xullo, que funciona como canle de comunicación coas empresas, os colexios e coas asociacións para coñecer as problemáticas actuais e articular solucións.
A conselleira subliñou que a Xunta está poñendo a industria no centro da súa estratexia económica e, ao respecto, considerou clave que este esforzo vaia acompañado dunha concienciación sobre a seguridade industrial, para o que agradeceu a colaboración que está prestando o Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia.
Asegurou, así, que a nova liña de axudas para polígonos empresariais vai incardinada dentro da política de acceso a solo da Administración autonómica para impulsar o crecemento industrial e a atracción de empresas. E, neste contexto, fixo referencia ao Índice de Produción Industrial (IPI) correspondente ao mes de novembro, que sobe en Galicia un 1,5% por riba da media e consolida a liña de crecemento anual (1,9%).