O presidente da Xunta participou na inauguración do Centro de Investigación Mestrelab
Rueda pon en valor a capacidade de Galicia para converterse nun referente no campo da innovación
Reafirma o apoio da Xunta a todas as iniciativas que contribúan a crear emprego de calidade, a reter e atraer talento investigador e a modernizar a economía galega
Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2024
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que Galicia ten a capacidade para converterse nun referente no campo da innovación grazas ao auxe de empresas líderes como Mestrelab, a quen agradeceu “que pensen que segue valendo a pena seguir medrando desde Galicia”, apuntando así mesmo que “a nosa obriga é poñer as condicións para que todo isto sexa posible”.
Así o sinalou hoxe durante a inauguración do Centro de Investigación que esta empresa vén de abrir en Santiago de Compostela, acto no que estivo acompañado polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez. A Administración autonómica colabora cun financiamento de algo máis de 4 millóns de euros na posta en marcha desta nova instalación.
Mestrelab está especializada no desenvolvemento de software de procesado e análise de datos de laboratorio, que xa usan algúns dos grupos farmacéuticos máis potentes do mundo, ademais doutras institucións de renome. Hoxe está presente en decenas de países.
Rueda destacou que o obxectivo da Xunta é apoiar todos os proxectos que, coma este, estean baseados na innovación, e contribúan a crear emprego de calidade, reter e atraer talento investigador e modernizar e diversificar a economía da comunidade autónoma. “Trátase de traducir o coñecemento en innnovación, que esa innovación sexa competitiva e que traia novas empresas e riqueza e futuro para Galicia”, subliñou o presidente da Xunta.
Apoios autonómicos
Neste eido, o Goberno galego ten en marcha iniciativas como as axudas aos centros de investigación e ás unidades mixtas de investigación, as liñas de apoio ás start-ups ou ás fábricas intelixentes. Ademais, o próximo ano continuarase afondando nesta liña, con novas iniciativas como un plan de apoio destinado ás entidades de investigación da Xunta e aos seus profesionais co obxectivo de protexer e poñer en valor os resultados das súas investigacións; ou con axudas para facilitar a creación de proxectos empresariais de pemes que estean baseados nas tecnoloxías ou no coñecemento xerado a partir de actividade investigadora.