A Xunta destaca a importancia de divulgar entre os máis pequenos os valores das rutas xacobeas

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, acompañou esta mañá no centro cultural Torrente Ballester aos escolares que participan na quinta edición do Festival Escolar do Camiño Inglés organizado pola Fanpa Ferrolterra

Ferrol, 12 de novembro de 2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañou esta mañá no centro cultural Torrente Ballester ao escolares de centros educativos de Ferrol, Eume e Ortegal que toman parte estes días na quinta edición do Festival Escolar do Camiño Inglés. Esta iniciativa, posta en marcha pola Federación de Anpas Ferrolterra co apoio de Turismo de Galicia, pretende fomentar entre os máis pequenos o coñecemento desta rúa xacobea e os recursos turísticos de cada unha das localidades polas que transcorre.

Nesta edición, a protagonista é a cidade de Narón polo que os preto de 3.000 escolares de entre 6 e 12 anos que toman parte nas catro xornadas que dura o festival, poderán descubrir o seu patrimonio, costumes, festas e gastronomía a través dun espectáculo multiartístico que terá como eixo central o conxunto megalítico de Pena Molexa.

A delegada territorial destacou a importancia de dar a coñecer as rutas xacobeas entre os máis mozos, un compromiso compartido pola Xunta de Galicia que se recolle na Estratexia Turismo de Galicia 2030 e puxo en valor o importante papel que xogará nesta folla de ruta o Xacobeo 2027.

Aneiros aproveitou a ocasión para reivindicar as boas cifras que está a rexistrar o Camiño Inglés con máis de 27.400 peregrinos no que vai de ano e un crecemento do 16% con respecto ao ano anterior o que o consolida como como a cuarta ruta xacobea máis transitada.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/11/2024