A Xunta colabora coa organización da XII Ruta 4x4 da comarca de Sarria, que supera os 300 inscritos
Sarria (Lugo), 12 de novembro de 2024
A Xunta colabora a través de Turismo de Galicia coa organización da XII Ruta 4x4 da Comarca de Sarria, que se celebrará esta fin de semana e conta xa con máis de 300 persoas inscritas; a maioría asistirán en quads e todoterreos, aínda que tamén haberá unha boa representación de motos e buggies.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación do evento e subliñou que a asociación promotora, “Os Carro por Catro”, está a converter a localidade nun referente para os afeccionados a esta modalidade. Neste sentido, lembrou que en xuño celebraron a primeira edición da Festa do Motor 4x4, con notable éxito e igualmente co apoio do Goberno galego.
Con respecto ao programa da ruta, iniciarase o venres 15 cun percorrido nocturno. O sábado atravesará arredor de 100 quilómetros dos municipios de Sarria, Láncara, Baralla, Becerreá, Triacastela e Samos; e o domingo haberá probas de habilidade en Morelle.