O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou hoxe na inauguración do novo centro, que supón o terceiro destas características na provincia

A Xunta pon en marcha o novo Polo de Vilanova de Arousa, consolidando con 15 oficinas activas en toda Galicia a Rede de emprendemento e apoio ao emprego

José González puxo en valor a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que prestou axuda a máis de 2.800 proxectos empresariais desde xullo de 2022, dos que preto de 800 foron na provincia de Pontevedra

Destacou que a Rede representa o compromiso da Xunta co futuro económico e social da Comunidade, poñendo todas as ferramentas necesarias á disposición daqueles que desexan transformar as súas ideas en proxectos con impacto no territorio

Salientou que en 2025 se destinarán de xeito global 32 millóns de euros ao emprendemento, con foco estratéxico en colectivos prioritarios como a mocidade

Deles, 6,2 millóns de euros destinaranse a seguir reforzando a Rede de polos e se poñerán en marcha diferentes medidas ao seu abeiro, como un Bono de emprendemento para novas empresas

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 12 de novembro de 2024

A Xunta inaugurou hoxe un novo Polo de emprendemento e de apoio ao emprego, o de Vilanova de Arousa, que supón o número 15 da Rede e o terceiro na provincia de Pontevedra. O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe na posta en marcha desta nova oficina -con sede no Pazo de Vista Real- na que se presta de xeito gratuíto apoio e asesoramento a calquera persoa que desexe emprender un negocio en Galicia ou consolidar o que xa ten en funcionamento.

Durante o acto -ao que tamén asistiu o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán- José González puxo en valor esta iniciativa autonómica que arrancou en xullo de 2022 e que conta, con esta nova apertura, con 15 polos activos, nos que xa se prestou asesoramento a máis de 2.800 proxectos empresariais en diferentes fases e realizou máis de 7.500 titorías. O conselleiro sinalou, ademais, que o Polo de Vilanova contribuirá a reforzar aínda máis o tecido emprendedor da provincia de Pontevedra, sumándose á actividade que xa se viña desenvolvendo nos de Silleda e O Porriño, con preto de 800 proxectos atendidos.

En palabras de González, a Rede de polos representa o compromiso da Xunta co futuro económico e social da Comunidade, poñendo todas as ferramentas necesarias á disposición daqueles que desexan transformar as súas ideas en proxectos sólidos e sustentables co fin de xerar máis e mellor emprego de calidade en Galicia, co foco posto no rural.

Impulso estratéxico ao emprendemento

José González destacou que seguir impulsando as políticas de apoio ao emprendemento – que fixeron a Galicia merecedora do premio Rexión Emprendedora Europea 2025- é unha prioridade estratéxica para a Xunta e, por iso, explicou que é tan importante explorar e saber aproveitar as oportunidades de negocio que ofrece a comunidade galega, apoiando ás persoas que estean dispostas a facelo. 

Neste senso, remarcou que en 2025 se seguirá reforzando esta área de xeito estratéxico, cun investimento global ao emprendemento de 32 millóns de euros, e con foco en colectivos prioritarios como a mocidade, a través da Estratexia Mocidade Activa -dotada con 20 millóns de euros a maiores só por parte da Consellería de Emprego-, os galegos retornados que contemplen ao autoemprego como vía para o retorno -cun investimento de 1 millón de euros no programa de mentoría Merlo-; os nómades dixitais, a través da consolidación do proxecto Fixar, que busca atraer emprendedores ao rural galego; ou o propio tecido comercial. A este respecto, mencionou o importante labor da Rede de polos para acompañar e asesorar proxectos de remuda xeracional de negocios que se traspasan -un 7% dos atendidos son desta índole-, na metade dos casos pola xubilación dos seus titulares.

Reforzo da Rede de polos

O titular de Emprego salientou, asemade, que en 2025, no marco do investimento global ao emprendemento, se destinarán 6,2 millóns de euros en seguir reforzando a Rede de polos e se poñerán en marcha diferentes medidas ao seu abeiro, como un Bono de emprendemento para novas empresas, cun orzamentos de 700.000 euros para o apoio á creación de empresas innovadoras, proporcionando apoio integral ao emprendemento e á creación de emprego en sectores con potencial de crecemento e relevantes na estrutura produtiva.

Ademais, indicou, que tamén se seguirá afondando en canalizar e coordinar todo o esforzo emprendedor en Galicia -ligado coa actividade das oficinas de emprego- a través do novo Centro de Orientación ao Emprendemento que se inaugurou recentemente na Coruña.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/11/2024