A Consellería do Medio Rural participa nun programa para mellorar xeneticamente as abellas galegas
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria participou na presentación deste proxecto, enmarcado na convocatoria de 2023 para a execución de proxectos innovadores dos Grupos Operativos da Asociación Europea da Innovación
A iniciativa pretende elaborar un programa de conservación, cría e selección dirixido a obter colonias resilientes capaces de manter a produtividade
O fin principal deste proxecto é promover a mellora xenética da abella mediante a colaboración e capacitación permanente de apicultores en técnicas selectivas e, complementariamente, difundir a mellora obtida
Boqueixón (A Coruña), 13 de novembro de 2024
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, participará no Programa Abella Negra de Galicia, centrado na mellora xenética da abella tradicional. Este proxecto, promovido por diferentes asociacións apícolas de Galicia, enmárcase na convocatoria 2023 das Axudas para a execución de proxectos innovadores dos Grupos Operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC) 2023-2027.
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou hoxe na presentación desta iniciativa, que conta cunha subvención de 79.000 euros, e que pretende elaborar un programa de conservación, cría e selección dirixido a obter colonias resilientes capaces de manter a produtividade. Alemparte puxo de relevo e valorou positivamente este proxecto pola súa contribución ao fortalecemento do sector apícola da nosa comunidade e por implicarse nel as principais asociacións sectoriais galegas, así como tamén a Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia. Sen dúbida, unha colaboración que se agarda tamén contribúa a potenciar a propia IXP coa incorporación de novos produtores de mel de calidade diferenciada.
Obxectivo do Programa Abella Negra de Galicia
O fin principal deste proxecto é promover a mellora xenética da abella mediante a colaboración e capacitación permanente de apicultores en técnicas selectivas e, complementariamente, difundir a mellora obtida.
Para conseguilo, formaranse equipos de avaliadores voluntarios que realizarán probas de rendemento capaces de identificar as colonias cos mellores comportamentos ligados aos xenes. Constituiranse, tamén, equipos de reprodución con criadores de raíñas destas colonias sobresaíntes para proporcionar que a mellora continúe no tempo.
Cómpre salientar que parte das raíñas seleccionadas destinaranse a difundir a mellora entre os apicultores de toda Galicia, o que combina a dobre vantaxe de aumentar o progreso da abella e ampliar a obtención de resultados en condicións de campo heteroxéneas.