A Xunta salienta a importancia de sumar esforzos polo benestar e desenvolvemento da infancia
Ourense, 18 de novembro de 2024
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, acompañado do delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, salientou esta tarde a importancia de que administracións e entidades traballen da man polo desenvolvemento e benestar dos nenos, nenas e adolescentes. Díxoo no acto de inauguración da Semana da Infancia, organizada polo Colexio Oficial de Enfermaría de Ourense e asociacións de pacientes relacionadas co apoio á infancia.
A Semana da Infancia desenvolverase ata o vindeiro venres, día 22, e supón unha oportunidade para compartir experiencias e perspectivas neste ámbito. Entre as entidades participantes están: Anedia, Down Ourense, o Colexio de Logopedas, Fegerec, Autismo Galicia, Aseia e Amece.