A Xunta leva os seus ‘Outonos cooperativos’ á praza de abastos de Santiago para poñer en valor a fórmula cooperativa de cara á xeración de riqueza e emprego

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2024

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participaron hoxe na praza de abastos de Santiago de Compostela nun novo encontro de Outonos cooperativos, unha iniciativa da Xunta que busca visibilizar as cooperativas como fórmula económica solidaria e pegada ao territorio a través de experiencias reais. Os representantes autonómicos puxeron de relevo a importancia de actos coma este co gallo de garantir o intercambio de experiencias e a suma de sinerxías e seguir facendo medrar a economía social galega.

A xornada arrancou ao mediodía cunha visita guiada por parte da sociedade cooperativa galega que xestiona a praza de abastos compostelá, seguida dun faladoiro cos responsables desta entidade, así como do proxecto artesán Creativas Galegas, da empresa de educación socioambiental Feitoría Verde e da distribuidora agrícola Delagro. Tamén haberá un obradoiro de cociña a cargo de Diego López, propietario e chef do restaurante lalinense La Molinera, e a actuación musical do proxecto folk de Claudia Abril e Marina Carpente.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/11/2024