O delegado territorial da Xunta en Pontevedra clausura o obradoiro dual de emprego de Moraña e Valga: “tedes que estar moi orgullosos”
O programa foi posible grazas a un investimento da Xunta de Galicia de máis de 540.000 euros
Reguera resaltou os bos datos de inserción laboral destes obradoiros
Vinte desempregados formáronse nas especialidades de Carpintería de madeira e Forestal
Moraña (Pontevedra), 22 de novembro de 2024
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou esta mañá na clausura do obradoiro dual de emprego de Moraña e Valga Ulla-Umia VII.
Neste obradoiro, que tivo unha duración aproximada dun ano e que contou cun investimento da Xunta de máis de 540.000 euros, participaron 20 persoas desempregadas. O alumnado dividiuse entre as especialidades de Forestal e Carpintería de madeira. Ambas contaron con acceso a unhas prácticas remuneradas durante toda a duración do programa.
Estas prácticas reverteron ademais a favor do propio concello, xa que se centraron na mellora e reparación de varios espazos municipais. Así, o alumnado levou a cabo labores de limpeza e acondicionamento das sendas da Bouza; a Alberguería; a Barosela; e a contorna da piscina municipal. Tamén realizaron traballos de mantemento dos parques infantís e elaboraron mobiliario para distintos edificios municipais.
Neste sentido, as actividades levadas a cabo no obradoiro permitiron ao alumnado desenvolver as habilidades necesarias para inserirse no mercado laboral. Tanto é así que algúns dos participantes conseguiron atopar un traballo relacionado co seu sector antes incluso de rematar a formación.
O delegado territorial felicitou a todos os participantes polo “espectacular traballo levado a cabo” e sinalou o “orgullo que todos e todas debedes sentir cando pasedes por unha das obras nas que traballaches estes meses e saibades que iso foi posible grazas ao voso esforzo”.
Para rematar, Reguera lembrou os bos resultados que conseguiron a gran maioría de obradoiros que se levaron a cabo este ano e destacou “a enorme taxa de empregabilidade que se está a conseguir, tendo en conta que moitos obradoiros aínda non foron clausurados”.
Este ano tiveron lugar na provincia de Pontevedra 21 obradoiros de emprego, o que supón preto de 11,5 millóns de euros de investimento da Xunta de Galicia.