A Xunta destaca no 44º ‘Congreso Confederal da UGT a súa aposta a prol do emprendemento, da igualdade laboral e da prevención de riscos no traballo
Barcelona, 26 de novembro de 2024
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, visitou esta mañá o posto da Xunta de Galicia habilitado no marco do 44º Congreso Confederal da UGT que se celebra deica este mércores en Barcelona. Un posto centrado no compromiso autonómico a prol do emprendemento, da igualdade laboral e da prevención de riscos no traballo.
Así, o espazo reservado ao Goberno galego no Centre de Convencions Internacional de Barcelona está a dar a coñecer -entre outros- a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que conta con 15 centros despregados por toda a nosa Comunidade e que leva atendido xa máis de 2.800 proxectos, dentro da estratexia de Galicia como Rexión emprendedora europea 2025. Tamén iniciativas como o campus da Xunta en igualdade laboral, que prevé acadar en xuño do ano que vén o fito de 120 accións formativas realizadas; e a Estratexia de seguridade e saúde no traballo de Galicia horizonte 2027 coa que se está a avanzar no impulso de contornas de traballo seguras, saudables e sustentables.