O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou hoxe en Abegondo no acto de clausura do obradoiro de emprego dual ‘Reserva de Biosfera: Emprego Verde III’
A Xunta inviste preto de 1 M€ en dous obradoiros duais a prol dos empregos verdes en Abegondo, Bergondo, Carral, Oza-Cesuras, Paderne e Sada
A acción ‘Reserva de Biosfera: Emprego Verde III’ que remata recibiu máis de 531.000 euros de axuda autonómica, mentres a cuarta edición que se concedeu este ano rolda os 421.000 euros, ambas con 20 persoas desempregadas beneficiadas
O primeiro obradoiro centrouse en actividades auxiliares en conservación e mellora dos montes e en viveiros ou xardíns, mentres o segundo suma á vertente de xardíns e zonas verdes operacións auxiliares de revestimentos en construción e de albanelería
José González sinalou que estas iniciativas financiadas polo Goberno galego serven para reforzar a colaboración coas entidades locais e permiten que as persoas que participan nelas obteñan un certificado de profesionalidade
No marco da convocatoria de obradoiros duais deste 2024 desenvolveranse deica o vindeiro ano un total de 87 accións por máis de 36 millóns de euros coas que se prevé beneficiar 1.706 persoas sen traballo en toda a Comunidade
Abegondo (A Coruña), 26 de novembro de 2024
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou hoxe en Abegondo no acto de clausura do obradoiro de emprego dual Reserva de Biosfera: Emprego Verde III, especializado en actividades auxiliares en conservación e mellora dos montes e en viveiros, xardíns e centros de xardinaría e que implica tamén os concellos de Bergondo, Carral, Oza-Cesuras, Paderne e Sada. Alí puxo en valor esta iniciativa a prol dos empregos verdes que se reeditará entre este ano e o que vén cunha cuarta edición, neste caso, sumando á instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes as operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción e de albanelería de fábricas e cubertas.
O conselleiro, que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, explicou que estas actuacións, financiadas polo Goberno galego, contribúen a reforzar a colaboración institucional entre a Xunta e as entidades locais a prol do emprego, un compromiso que se manterá -dixo- no 2025.
Neste caso, o obradoiro Reserva de Biosfera: Emprego Verde III beneficiouse dunha achega da Xunta de máis de 531.000 euros para o seu funcionamento, que abarca a 20 persoas ás que agradeceu e felicitou polo seu labor. En concreto, os participantes limparon e conservaron camiños forestais, parcelas e montes; ademais de actuar en zonas verdes, invernadoiros ou áreas recreativas da contorna.
Nese sentido, González salientou que, a maiores de formarse e realizar un traballo de interese público remunerado, estas persoas poden obter un certificado de profesionalidade e, unha vez completen a formación, bríndaselles a posibilidade de traballar nunha empresa do ámbito das materias impartidas por un mínimo de tres meses. A acción, recalcou, terá continuidade coa nova edición confirmada, grazas a unha axuda autonómica de case 421.000 euros neste caso.
En relación coa convocatoria de axudas deste ano, en toda Galicia invístense máis de 36 millóns de euros para desenvolver 87 obradoiros de emprego dual cos que se prevé beneficiar 1.706 persoas sen traballo. Na provincia da Coruña serán 23 os obradoiros que combinarán formación e traballo remunerado, cun investimento superior aos 9 millóns de euros. Mentres, haberá outros 27 talleres en Ourense, 20 en Pontevedra e 17 en Lugo.
Entre os sectores aos que fan referencia as accións, rexístranse en todas as provincias os relativos á atención sociosanitaria, aos distintos aspectos da construción, ao sector forestal ou de viveiros e xardíns e á limpeza. Na provincia da Coruña tamén contan con axuda para proporcionar formación e traballo remunerado no eido da comunicación web, por exemplo.
Impulso á empregabilidade e ás contornas rurais
Estes obradoiros duais poden ser promovidos polos concellos, mancomunidades de municipios ou entidades públicas dependentes, así como por entidades sen ánimo de lucro do sector forestal.
A convocatoria de axudas pon o foco na formación forestal e nas iniciativas centradas na posta en valor das rutas do Camiño de Santiago ou nas áreas declaradas Reserva da Biosfera, como é o caso de hoxe. Tamén nas propostas de concellos fusionados ou emprendedores e de actividades relacionadas coas TIC e coa economía dixital, así como relacionadas co tecido empresarial e coas posibilidades de inserción futura.
Para acceder a estes obradoiros, priorízanse as persoas con especiais dificultades de inserción, entre elas emigrantes retornados, mulleres, vítimas de violencia de xénero e as persoas con diversidade funcional.