A Xunta pon en marcha o programa teatral ‘Pasando a bóla, xogando para cambiar’ co fin de previr o acoso escolar
No marco Plan integral contra o acoso e o ciberacoso escolar, a nova iniciativa permitirá abordar estes temas entre o alumnado de 3º a 6º de Primaria
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visita o Colexio CEIP de Roxos para presentar o programa e animar aos centros a sumarse
Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2024
A Xunta dá un novo paso na prevención do acoso e o ciberacoso escolar coa posta en marcha do programa Pasando a bóla, xogando para cambiar. A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández visitou hoxe o Colexio CEIP de Roxos para presentar a iniciativa, na que este curso poderán participar 50 centros educativos e ata 3.500 alumnos.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP animou aos centros a sumarse a este programa, que se vale do xogo teatral, as máscaras e as figuras animadas como ferramenta educativa e social. “Esta iniciativa avanza no compromiso do Goberno galego coa tolerancia cero diante das situacións de acoso escolar e fai fincapé na prevención destes comportamentos, traballando co alumnado de Primaria cun método lúdico para facelos conscientes do negativo destas actitudes e buscar solucións para atallalas canto antes”, destacou a directora xeral.
A actividade consiste nunha representación teatral de 45 minutos, que se desenvolverá da man do grupo A Xanela do Maxín, creador da idea. Nela, unha persoa desempeñará o papel de mestra de cerimonia e, coa colaboración voluntaria do alumnado, porá en escena situacións construídas especialmente para representar diferentes formas de acoso escolar.
Despois da representación, o alumnado converterase en parte activa do proceso achegando ideas para resolver as actitudes e os comportamentos contrarios á convivencia representados. Deste xeito, estimularase a reflexión e a capacidade crítica sobre os diferentes axentes que interveñen nun caso de acoso escolar.
Solicitudes ata o 13 de decembro
É a primeira vez que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional organiza este programa, que se enmarca no Plan integral contra o acoso e o ciberacoso escolar, aprobado pola Xunta o pasado ano. Vai dirixido ao alumnado de 3º a 6º de Primaria dos centros educativos sostidos con fondos públicos e desenvolverase ao longo do actual curso 2024/25. Os centros interesados poderán presentar a solicitude para sumarse á iniciativa ata o 13 de decembro.