O Servizo Galego de Saúde é premiado no VI Foro Iberoamericano de Compra Pública de Innovación por un dispositivo no eido das endoscopias flexibles

O galardón recoñece o uso do procedemento de “Asociación para a Innovación” no desenvolvemento do dispositivo UNI-VEC, destinado á extirpación avanzada de tumores rectais mediante endoscopia flexible e cirurxía endoscópica transanal

O novo dispositivo xa conta co marcado CE para a súa incorporación na práctica clínica habitual, de acordo ás vantaxes clínicas que achega

Esta solución innovadora avanza cara a unha cirurxía sen cicatrices, o que posibilitará unha redución do tempo de realización das intervencións endoscópicas ou cirúrxicas, ademais de diminuír complicacións e os tempos de recuperación

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2024

O Servizo Galego de Saúde, da man da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, vén de recoller o galardón ao mellor proxecto de Compra Pública de Innovación (CPI), polo emprego do procedemento de “Asociación para a Innovación” para o desenvolvemento do dispositivo multicanle “UNI-VEC”, destinado á extirpación avanzada de tumores rectais, mediante endoscopia flexible e cirurxía endoscópica transanal.

No marco do VI Foro Iberoamericano de Compra Pública de Innovación e Innovación Aberta, celebrado esta semana en Santiago de Chile, a Administración sanitaria pública galega foi premiada por este modelo licitación para desenvolver un dispositivo que, actualmente, xa conta co marcado CE para a súa incorporación á práctica clínica.

A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carmen Cotelo, explicou polo miúdo como se desenvolveu un procedemento no que, partindo dun pre-prototipo e do traballo de I+D previo realizado pola Unidade de Cirurxía Experimental do Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña, se contratou o desenvolvemento dunha solución innovadora para evolucionar desde unha tecnoloxía -aínda en estado de pre-prototipo-, cara a un dispositivo que puidera ser empregado en pacientes.

A directora de investigación de ACIS, Pilar Morgade, foi a encargada de recoller un premio co que o Servizo Galego de Saúde achega unha solución innovadora que avanza cara a unha cirurxía sen cicatrices e a través de orificios naturais, que posibilitará unha redución do tempo de realización das intervencións endoscópicas ou cirúrxicas.

Ademais, o dispositivo UNI-VEC tamén diminuirá as posibles complicacións e os tempos de recuperación postoperatorios; ao tempo que reducirá os gastos asociados ao proceso, garantindo a súa dispoñibilidade no mercado cun custo sustentable e impulsando a posta en valor do coñecemento xerado na organización, a través do proceso de transferencia dos dereitos de explotación da patente pre-existente.

O galardón insírese no marco do Plan de Innovación sanitaria Código 100, o programa desenvolto polo Servizo Galego de Saúde, xunto coa Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), entre os anos 2016-2021, e que contou cun orzamento de 13 millóns de euros co-financiados polos fondos do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020, a través dun convenio de colaboración co Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

A Sanidade galega, referente europea na compra pública innovadora

A Sanidade pública galega é na actualidade un dos referentes europeos no que atinxe á compra innovadora. Así, ao longo dos últimos anos foi recoñecida con diferentes premios polo seu bo labor.

Os primeiros destes galardóns chegaron da man de proxectos como “InnovaSaúde” e “Hospital 2050”, que acadaron o segundo Premio Europeo de Compra Pública Innovadora (Procurement of Innovation Award 2015) da Comisión Europea e o Premio Nacional de Innovación 2013, respectivamente.

Ademais, no ano 2021 o Servizo Galego de Saúde resultou gañador dos I Premios Europeos á Contratación Pública de Innovación do Consello Europeo de Innovación (EIC), nunha candidatura na que se recolleu a aposta pola compra pública innovadora con programas que avanzan desde os citados Hospital2050 e InnovaSaúde; ata o Plan Código100 (centrado no envellecemento poboacional); o Innova MicroLab (que aborda a resistencia antimicrobiana); ou Innovatrial (o sistema innovador destinado á xestión integral dos ensaios e estudios de investigación biomédica), e que actualmente está en execución.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/11/2024