A Xunta valora a alianza entre Aira e o grupo García Baquero para crear a marca Queixos de Galicia
A conselleira do Medio Rural felicitou a ambas entidades por unha iniciativa que vén reforzar a súa aposta conxunta pola elaboración, a innovación e a internacionalización dos queixos da nosa comunidade
María José Gómez considera especialmente interesante este proxecto para dinamizar o lácteo galego, en particular no que atinxe ao impulso da transformación do leite producido en Galicia na nosa comunidade
Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2024
A Xunta valora a alianza entre a cooperativa Aira e o grupo García Baquero para crear a marca Queixos de Galicia. Así llelo transmitiu a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, aos responsables de ambas entidades nunha reunión de traballo en San Caetano, na que tamén participou o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros.
No encontro por parte de Aira asistiron asistiron o seu presidente, José Manuel López Tellado; o director xeral, Daniel Ferreiro, e o vicepresidente, Javier Taboada. En representación de García Baquero participou o seu conselleiro delegado, Miguel Ángel García Baquero.
O acordo entre Aira e García Baquero unirá a capacidade comercial e produtiva desta empresa familiar coa experiencia e o coñecemento na cadea de subministración por parte da cooperativa, garantindo así entre ambas sociedades unha operación sustentable, eficiente e de valor engadido para os consumidores, clientes, traballadores e socios destas dúas entidades.
Esta alianza permitirá a creación de Queixos de Galicia, unha marca conxunta que vén reforzar a aposta de ambas as dúas partes por promover a elaboración, o desenvolvemento, a innovación e a internacionalización dos queixos da nosa comunidade autónoma.
Transformación e valor engadido
Por parte da Consellería do Medio Rural considérase especialmente interesante este proxecto para dinamizar o lácteo galego, en particular no que atinxe ao impulso da transformación do leite producido en Galicia na nosa comunidade, un dos obxectivos marcados na Estratexia de Dinamización do Sector que a Xunta puxo en marcha en estreita colaboración cos axentes deste eido produtivo.
Ademais, o Goberno galego aposta tamén por dar valor engadido ao leite que se produce na nosa comunidade mediante este tipo de iniciativas, que afondan na transformación do leite para a elaboración de produtos de maior valor, como son os queixos ou outros derivados.
Nesta liña, a conselleira trasladou neste encontro os seus parabéns a Aira e a García Baquero por propiciar unha alianza que vén fortalecer -salientou- un sector xa estratéxico no rural de Galicia, un eido que se consolida como motor da economía agraria galega. María José Gómez destacou, así mesmo, a condición de Galicia de líder nacional indiscutible neste ámbito, e mesmo de rexión de referencia dentro da Unión Europea.