A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, asinou un protocolo de colaboración co presidente da Asociación de Empresarios Galegos en Madrid (Aegama), Julio Lage
A Xunta inclúe á Asociación de Empresarios Galegos en Madrid na súa rede de colaboradores para atraer investimentos e impulsar as exportacións na China
A conselleira destaca que o protocolo recolle medidas para impulsar a labor que xa desenvolve a Antena do Igape no país asiático
No ano 2023, as exportacións galegas a China acadaron os 234 millóns de euros, un 25 % máis que no 2020
Destaca as Antenas empresariais postas en marcha polo Igape tamén en Xapón, Estados Unidos, Marrocos, México ou os Emiratos Árabes Unidos
Madrid, 5 de decembro de 2024
A Xunta acaba de incluír á Asociación de Empresarios Galegos en Madrid (Aegama) na súa rede de colaboradores para atraer investimentos e impulsar as exportacións na China dentro da súa aposta por reforzar a presencia das empresas galegas no mercado asiático.
Neste marco, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e o presidente de Aegama, Julio Lage, asinaron un protocolo de colaboración que permitirá complementar a labor que xa desenvolve a antena comercial na China.
En virtude deste acordo fomentaranse as oportunidades de negocio e a internacionalización con accións para a mellora e o fomento do desenvolvemento de relacións comerciais e de negocio entre empresas galegas e chinesas.
A detección de oportunidades de negocio facilitando a interacción das empresas interesadas en establecer relacións comerciais e movementos de empresas entre China e a comunidade galega; a organización de feiras e misións comerciais; programas de formación e capacitación para as empresas; así como estudos e análises de mercado que identifiquen oportunidades e sectores chave para a cooperación empresarial forman parte das medidas deseñadas pola Xunta e Aegama.
Estratexia de internacionalización
Tras a firma do protocolo, Lorenzana recordou que dentro da estratexia de internacionalización do Goberno galego, o Igape puxo en marcha as Antenas Empresariais, que axudan a impulsar a cantidade e a calidade das exportacións galegas, a diversificación de mercados, a internacionalización dixital e a formación e posta a disposición da empresa galega o talento internacional.
O despregamento destas antenas faise en mercados de importancia mundial e estratéxicos coma China, pero tamén Xapón, Estados Unidos, Marrocos, México ou os Emiratos Árabes Unidos.
En concreto, a conselleira subliñou o gran potencial da China para o tecido empresarial galego, tanto pola súa dimensión coma polo seu valor estratéxico, motivo polo cal, o Igape incrementou alí a presenza das empresas galegas a través da súa Antena na China, que actúa coma un instrumento de apoio para a súa internacionalización e para a busca de máis oportunidades de negocio.
Mostra disto, é que no ano 2023 (último pechado), as exportacións galegas a China acadaron os 234 millóns de euros, cun crecemento do 25 % respecto ao ano 2020; e a cifra total de empresas galegas exportadoras foi de 291. Por sectores destaca o agroalimentario, as industrias químicas, o téxtil, o metalmecánico, o da madeira-forestal e o da automoción.