A Xunta avalía co concello de Ponteceso melloras nos servizos de augas e na loita contra as inundacións

O director de Augas de Galicia mantivo un encontro co alcalde co fin de analizar as necesidades do municipio en materia de saneamento e abastecemento

Ponteceso (A Coruña), 6 de decembro de 2024

O director de Augas de Galicia, Roi Fernández, mantivo hoxe un encontro co alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, no que analizaron o estado das redes de saneamento e abastecemento do municipio co fin de estudar posibles actuacións coas que mellorar os servizos prestados á cidadanía. Nesta xuntanza tamén abordaron os problemas derivados dos desbordamentos que se producen en momentos de episodios meteorolóxicos adversos e posibles medidas co fin de minimizar o seu impacto na contorna.

Precisamente, o orzamento de Augas de Galicia para 2025 ascende a 144 millóns de euros co obxectivo de seguir optimizando o saneamento e o abastecemento mediante a mellora de infraestruturas, a formación e divulgación e a execución de políticas activas de resposta ao cambio climático. Neste sentido, o fin último é seguir apoiando aos concellos no exercicio das súas competencias en materia de xestión da auga e facer un uso eficiente dela para reducir a pegada hídrica no conxunto da comunidade mediante investimentos nas redes de saneamento, depuración e abastecemento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/12/2024