A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou co alcalde de Tordoia, Antonio Pereiro, as instalacións
A Xunta de Galicia achega 300.000 euros ao concello de Tordoia para acondicionar o seu novo centro social
As actuacións están destinadas a rematar a execución da fachada e a cuberta do inmoble destinado ao uso dos veciños do municipio
Fabiola García recordou que o ano pasado o Goberno galego destinou máis de 60.000 euros para a ampliación do Punto de Atención á Infancia
Tordoia (A Coruña), 7 de decembro de 2024
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada do alcalde de Tordoia, Antonio Pereiro, visitou as obras do futuro centro social municipal. A Xunta de Galicia destina 300.000 euros para o acondicionamento da fachada e a cuberta deste inmoble.
A Consellería de Política Social e Igualdade e a o Concello asinaron este convenio de colaboración para finalizar as obras do centro social municipal que estaban paralizadas. Así, está previsto que durante o 2025 este recurso destinado ao lecer da veciñanza xa entre en funcionamento.
O novo centro social de Tordoia será unha instalación multidisciplinar que permitirá ao Concello albergar multitude de actividades e programas tanto para as persoas maiores do municipio coruñés como para todos os veciños.
Ademais, durante a visita, Fabiola García recordou o compromiso que a Xunta de Galicia ten co Concello á hora de continuar mellorando os servizos sociais. Así mesmo, lembrou que o Executivo galego concedeu o ano pasado máis de 60.000 euros para a ampliación do seu Punto de Atención á Infancia. Deste xeito, este servizo poderá contar cunha decena de prazas novas de atención á infancia ata acadar as 30, que estarán en funcionamento o vindeiro curso.