A piques de concluír a instalación da nova cuberta nas escadas de acceso ao ximnasio do IES de Cotobade
As obras foron posibles grazas a unha achega de preto de 20.000 euros
O Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica suporá un investimento nos centros educativos da provincia de Pontevedra de case 100 millóns de euros
Cerdedo-Cotobade, 05 de decembro de 2024
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou, xunto ao alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, o proceso das obras de colocación dunha cuberta nas escadas de acceso ao ximnasio do IES de Cotobade.
Os traballos, financiados pola Xunta con preto de 20.000 euros, permitiran aos alumnos e alumnas desprazarse con maior comodidade e seguridade, evitando resbalóns.
Neste sentido, o delegado territorial destacou o avance desta “obra necesaria e ben executada” e lembrou que a comodidade dos alumnos e o equipo docente “é unha das grandes prioridades da consellería de educación”. Espérase que os traballos rematen nos próximos días.
Cabe destacar que segue en marcha o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, unha iniciativa que entre o ano 2021 e o 2024 permite levar a cabo case 2.700 obras en centros educativos de todo o territorio galego, mobilizando máis de 278 millóns de euros.
Na provincia de Pontevedra este Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica permitiu realizar un total de 613 obras, entre 132 grandes obras cun investimento de 63,2 millóns de euros; 460 obras pequenas e medianas por valor de 14,2 millóns de euros; e 21 instalacións fotovoltaicas que supuxeron un investimento de máis de medio millón de euros. A maiores, hai 21 actuacións comprometidas que aumentarán en case 22 millóns de euros o investido neste plan na provincia de Pontevedra.