A Xunta inaugura unha nova edición do obradoiro de emprego que promoven Becerreá, Baralla e As Nogais

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou no acto e na entrega de diplomas ao alumnado que se formou durante o último ano no anterior proxecto

Sinalou que ambas iniciativas suman un investimento de 943.000 euros da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Becerreá (Lugo), 13 de decembro de 2024

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe na inauguración do obradoiro de emprego Vía Künig VI, promovido polos concellos de Becerreá, Baralla e As Nogais e financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. O acto serviu tamén para entregar os diplomas aos participantes da quinta edición, rematada recentemente.

O delegado subliñou que estes dous proxectos que se suceden suman un investimento autonómico de 943.000 euros e “ofrecen oportunidades para un total de 40 persoas desempregadas en especialidades relacionadas coa construción, que presentan unha elevada demanda no mercado laboral”. Ademais, garanten a continuidade dos traballos de mellora de espazos públicos que acometen como parte da aprendizaxe práctica dos alumnos traballadores. 

O obradoiro que agora se pon en marcha estará centrado na colocación de pedra natural, con sete alumnos en Becerreá, outros tantos en Baralla e seis nas Nogais. No primeiro concello, van repoñer os muros e a fonte pública de Vilouta de Arriba, e reformarán o interior do edificio municipal de usos múltiples e o muro e a beirarrúa do centro social.

En Baralla executarán unha fachada para o centro sociocultural e repoñerán muros de peche de camiños en Lexo, Lexocairo, Quintela e Vale. Nas Nogais tamén actuarán sobre os muros de peche do camiño no entorno da igrexa de Nullán e rehabilitarán a praza    deste núcleo.

Espazos públicos mellorados

Os participantes na quinta edición do obradoiro aprenderon durante o último ano a especialidade de Fábricas de albanelería, e o seu labor serviu para rehabilitar lavadoiros, fontes, sendas, beirarrúas e outros bens públicos.

A modo de exemplo, en Baralla restauraron os lavadoiros de Vilanova e Arroxo ou a senda peonil paralela á N-VI. Nas Nogais actuaron sobre as fontes de Casares,  Estacas e Ferreiras, no acondicionamento de camiño en Vilaicente para o acceso dos servizos de emerxencias ou no muro de peche da igrexa de Torés. Pola súa banda, en Becerreá acondicionaron camiños en Doncos, Ouselle e a igrexa de Cruzul, rehabilitaron a escola de Vilouta e a fonte de Pando, e repararon varias beirarrúas.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/12/2024