A Xunta clausura en Ferrol e Mugardos os obradoiros duais ‘O Mónton’ e ‘Reinicia X’ nos que investiu máis dun millón de euros

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá nos actos de peche de ambos obradoiros, no caso do de Ferrol enfocado á recuperación e posta en valor do parque municipal do Montón e no de Mugardos, de atención sociosanitaria e carpintería e moble

Ferrol, 13 de decembro de 2024

A Xunta de Galicia clausurou esta mañá en Ferrolterra sendos obradoiros duais de emprego en Ferrol e Mugardos nos que se investiron máis dun millón de euros. A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, participou nos actos de peche de ambas iniciativas onde destacou que ambos municipios volverán a beneficiarse da última convocatoria 2024-2025.

No caso de Ferrol, no que estivo acompañada do alcalde, José Manuel Rey Varela,  o obradoiro O Montón estivo enfocado á posta en valor deste parque municipal. Os 20 alumnos participantes formáronse en dúas especialidades: 10 alumnos en actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e outros 10 en repoboacións forestais e tratamentos silvícolas. O investimento da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ascendeu a 531.046 euros.

Tal e como avanzou a delegada, Ferrol beneficiarase este curso 2024-2025 do obradoiro Lavadoiros de Ferrol 1 que se impartirá na especialidade de fábricas de albanelería e estará orientado á posta en valor dos lavadoiros do municipio.

En Mugardos

Nesta mesma xornada, Martina Aneiros desprazouse ao Concello de Mugardos onde, xunto aos alcaldes de Fene, Juventino Trigo, e Ares, Julio Iglesias, ademais de representantes municipais de Mugardos, clausurou o obradoiro Reinicia X promovido polos tres municipios, cun investimento da consellería de 531.046 euros.

Neste caso a formación impartiuse nas modalidades de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais - as prácticas realizáronse no centro de día de Caamouco-,  e traballos de carpintería e moble. Nesta última especialidade, os participantes completaron a súa formación teórica con diferentes actuacións de mellora das dotacións públicas como a construción de mobiliario de oficina para o Concello de Fene, a substitución do peche perimetral das cabinas de soldadura da nave de formación de San Marcos (Fene), mobiliario urbano para o Concello de Mugardos e a execución de fiestras no mosteiro de Santa Catalina de Montefaro, en Ares,

En canto á edición 2024-2025, o obradoiro Reinicia XI, tamén promovido polos concellos de Mugardos, Ares e Fene, volverá a impartirse nas mesmas especialidades.

Aneiros destacou a importancia da colaboración entre administracións, neste caso os concellos, como a vía máis fácil para “optar a axudas e programas autonómicos que repercutan positivamente nos seus veciños” e puxo unha vez máis de manifesto o compromiso do Goberno galego coa xeración de emprego en Ferrolterra a través deste tipo de accións formativas orientadas a cubrir as demandas reais do entorno.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/12/2024