A Xunta recibe máis de 600 solicitudes para participar esta fin de semana no mercado do Tinglado en Vigo

Preto de 90 particulares ocuparán os expositores habilitados para vender os seus produtos repartidos en dúas xornadas, o sábado 21 de decembro e o domingo 22

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2024

A Xunta de Galicia destaca a boa acollida do mercado circular do Tinglado, en Vigo, xa que máis de 600 particulares solicitaron poder vender os seus produtos nos 44 expositores que estarán abertos esta fin de semana. Finalmente, serán preto de 90 os particulares que, organizados en dúas quendas (sábado e domingo), poderán ofrecer os seus produtos neste mercado que promove un consumo responsable e a promoción da reciclaxe nos agasallos de Nadal.

Esta fin de semana, os días 21 e 22 de decembro, o Tinglado de Vigo converterase nun mercado circular de Nadal no que a cidadanía terá a oportunidade de vender e mercar todo tipo de produtos —roupa, libros, xoguetes, artigos de decoración, etc.— para darlles unha segunda oportunidade a eses obxectos.

Pese ao volume de solicitudes, as limitacións de espazo obrigan a organizar aos interesados en vender os seus produtos en dúas xornadas, unha o sábado e outra o domingo. Nese senso, cada día 44 particulares terán á súa disposición expositores, cunha medida de 2x2 metros e co mobiliario necesario para expoñer os artigos que desexen vender. O horario de venda ao público cada un destes días será de 10,00 horas a 14,00 h. e de 16,00 h. a 20,00 h.

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático agradece o interese por esta iniciativa pioneira que impulsa o consumo sostible e a reciclaxe nas datas de Nadal. O Tinglado de Vigo converterase esta fin de semana nun espazo de encontro para que a cidadanía poida mercar con responsabilidade.

Este mercado circular axudará tamén a concienciar e a promover a reutilización dos produtos para alongar deste xeito a súa vida e contribuír deste xeito a loitar contra o cambio climático desde a prevención na xeración de residuos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/12/2024