A Xunta pon en valor a iniciativa ‘Escaparates máxicos’ de Lalín para impulsar as vendas do comercio local nas vésperas do Nadal

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, fixo hoxe un percorrido polos establecementos que adaptaron os seus escaparates a estas datas festivas, tras recibir formación orientada á sustentabilidade apoiada polo Goberno galego

Lalín (Pontevedra), 18 de decembro de 2024

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou esta tarde os establecementos participantes na iniciativa Escaparates máxicos, impulsada polo Concello coa colaboración do Centro Comercial Aberto de Lalín e co apoio da Xunta de Galicia para dinamizar o tecido comercial do concello durante estas datas. O representante autonómico —que estivo acompañado pola tenente de alcalde, Paz Pérez, e pola concelleira de Aldeas de Nadal, Karen Fernández—puxo en valor o proxecto que culminará coa elección do mellor escaparate de entre os 31 comercios implicados.

Complementando as xa tradicionais Aldeas de Nadal que impulsa cada ano o Concello de Lalín —con sete pobos e 66 casiñas abertas aos nenos e nenas na edición deste ano—, Alén recalcou que o programa de Escaparates máxicos se pon en marcha por vez primeira a través de tres grandes eixes. Máis aló do concurso de escaparates cuxo nexo común son unhas casiñas de madeira artesanais elaboradas por Luchi Iglesias, recordou a posta en valor de catro escaparates baleiros nos que se recrearon diferentes escenografías e estampas navideñas e, finalmente, a aposta pola formación, xa que se impartiu ao tecido comercial participante un curso gratuíto sobre escaparatismo artístico e sustentable.

O director xeral destacou o valor desta iniciativa que pon o foco no comercio como un activo estratéxico para revitalizar as rúas e atraer visitantes e clientela, contribuíndo deste xeito a dinamizar o territorio e a estimular as vendas de proximidade nunha das épocas de máis importancia para o sector.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/12/2024