Belén do Campo inaugura o obradoiro de emprego forestal Lambre-Mandeo 2024 no que se formarán 20 persoas en actividades auxiliares en conservación e mellora de montes
A delegada da Xunta participou na apertura deste taller de formación que conta cun apoio da Xunta de case 412.000 euros e que se prolongará durante 9 meses
A representante do Goberno autonómico destacou que neste obradoiro dual participan os concellos de Vilarmaior, Aranga, Irixoa e Monfero
Irixoa (A Coruña), 19 de decembro de 2024
A delegada da Xunta, Belén do Campo, participou na inauguración do obradoiro de emprego dual, Forestal Lambre-Mandeo 2024 no que participan os concellos de Vilarmaior, Aranga, Irixoa e Monfero e no que se formarán 20 persoas actividades auxiliares en conservación e mellora de montes. A delegada destacou que este taller de emprego terá unha duración de 9 meses, grazas a un investimento da Xunta de case 412.000 euros, no que as 20 alumnas e alumnos realizarán 18 actuacións de interese público nestes catro concellos. Esta partida, unida á do obradoiro 23-24, eleva o investimento da Xunta nestes talleres a case 1 millón de euros. Belén do Campo subliñou que na comarca de Betanzos, nos obradoiros do 23-24 e 24-25 ,en total investíronse case 3 millóns de euros.
Belén do Campo explicou que as actuacións previstas en Aranga consistirán na a conservación da área forestal Mirador do Vieiro, da área recreativa fluvial Ponte e da deportiva municipal: en Irixoa; levarase a cabo conservación e mellora de 4 rutas forestais e das áreas da Viña, A Graña e do Pazo de Irixoa; en Monfero actuarase na área do Monasterio de Monfero e finalmente en Vilarmaior, ademais da mellora da área forestal fluvial e etnográfica do Muiño das Ferreñas, actuarase en 6 áreas recreativas e sociais deste municipio.
Belén do Campo destacou que “os obradoiros de emprego permiten dotar a nosa poboación activa de formación de calidade ao tempo que desenvolven un traballo produtivo de utilidade pública ou interese social, coa posibilidade de acreditalo a través dos certificados de profesionalidade”. “O obxectivo –incidiu– é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente nos do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación”. Neste senso, animou a todos os participantes a aproveitar a formación que van recibir para buscar traballo e incluso para iniciar o seu propio negocio “porque cando rematedes estes 9 meses estaredes preparados para traballar nun sector que precisa, nestes momentos, de profesionais cualificados”, subliñou.
Obradoiros 24-25
A delegada da Xunta apuntou que na comarca de Betanzos están previstos nesta nova convocatoria 3 obradoiros en Abegondo, compartido con Bergondo, Carral, Oza-Cesuras, Paderne e Sada; en Betanzos compartido con Coirós e en Vilarmaior compartido con Aranga, Irixoa e Monfero, grazas a unha axuda do Goberno galego de máis de 1,2 millóns de euros. Na provincia da Coruña están aprobados 23 obradoiros de emprego duais, grazas a un investimento de máis de 9 millóns de euros.
Belén do Campo subliñou que en toda Galicia os obradoiros de emprego duais supoñen un investimento por un importe de máis de 36 millóns de euros para un total de 87 accións deste tipo coas que se prevé beneficiar a máis de 1.700 persoas sen traballo.
Os obradoiros duais
Na convocatoria de 2024-2025, ofrécense 9 meses de formación con contrato de traballo e coa posibilidade de inserción posterior en empresas da contorna.
O alumnado, a maiores de formarse e realizar un traballo de interese público remunerado, pode obter un certificado de profesionalidade. Tamén se lles abre a posibilidade de traballar nunha empresa do ámbito das materias impartidas por un mínimo de tres meses unha vez completada a formación, grazas aos incentivos que ofrece a Xunta.
Para acceder a estes obradoiros, priorizaranse as persoas con especiais dificultades de inserción: mulleres, vítimas de violencia de xénero, emigrantes retornadas, persoas que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego, desempregadas de longa duración, maiores de 45 anos, persoas que carecen de títulos universitarios e de FP de grao superior, entre outras. Teñen preferencia tamén as persoas discapacitadas ou as beneficiarias do tramo de inserción da renda básica de Galicia, así como as que solicitaran este servizo a través da súa demanda de emprego e, dentro destas, aquelas que teñan prevista a realización deste tipo de medidas no seu itinerario de inserción laboral.
A Xunta de Galicia encargarase, no caso dos obradoiros duais de emprego, de financiar a formación profesional para o emprego (medios, materiais, contratación de persoal...), así como os custos salariais derivados dos contratos de traballo subscritos co alumnado.