Dúas novas empresas incorpóranse ao programa de apoio da Xunta e Pymar destinado a incrementar a competitividade do sector naval

Trátase en concreto de Aister (Astillero de Aluminio) situado en Moaña e de Astaleiros Blascar ubicado en Ferrol

Este programa ampliouse no mes de abril a toda a cadea de valor para promover a diversificación e impulsar o crecemento desta industria no seu conxunto

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2024

Dúas novas empresas acaban de incorporarse ao programa de apoio da Xunta de Galicia e Pymar destinado a incrementar a competitividade do sector naval.

Neste marco, Aister (Astillero de Aluminio) situado en Moaña, e Astilleros Blascar, ubicado en Ferrol, contarán co apoio do Fondo de Garantías Navais para desenvolver os seus próximos encargos. En concreto, Aister disporá de garantías para a construción de tres patrulleiras de alta velocidade para a Garda Civil, e pola súa banda, Blascar contará con garantías para a construción dunha draga gánguil que desenvolverá operacións de dragados en portos e franxas costeiras.

Este programa de apoio foi ampliado o pasado mes de abril a toda a cadea de valor co propósito, tal e como explicou a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, de “mellorar a competitividade dun sector estratéxico para a economía galega como é o sector naval”.

Dese xeito, ampliouse a concesión de garantías, ademais de aos estaleiros privados e aos armadores, ás empresas vinculadas á construción naval, co fin de promover a diversificación e impulsar o crecemento desta industria no seu conxunto.

Lorenzana puxo en valor que este acordo permite que as pemes galegas da industria naval e do sector das enerxías renovables teñan a posibilidade de asumir contratos que lles “permiten crecer, abordar novas oportunidades e garantir os postos de traballo”.

Ata o de agora, o fondo atendía á construción de buques, polo que a ampliación nesta concesión de garantías a toda a cadea de valor beneficiará a distintas empresas da industria naval galega, contribuíndo a incrementar a súa sustentabilidade ambiental, a súa eficiencia enerxética e o seu nivel de dixitalización e competitividade.

O obxectivo é dar cobertura non só ás operacións de construción, reparación e modernización de buques, senón tamén de artefactos flotantes navais e plataformas fixas para proxectos de enerxía renovable, así como os seus compoñentes e servizos.

Data de actualización: 26/12/2024