A Xunta beneficiou máis de 30.000 familias do exterior en 2024 coas súas iniciativas sociais e a prol do retorno
O apoio ao emprendemento galego que regresa do exterior foi decisivo en 2024, con 150 beneficiarios procedentes de 30 países e un orzamento de 1,23 millóns de euros
A través dos Programas Conecta, 107 mozos galegos do exterior participaron en iniciativas para reforzar o seu vínculo con Galicia
O orzamento da Secretaría Xeral da Emigración previsto para 2025 medrará un 10% ratificando o compromiso co benestar, coa integración e co desenvolvemento persoal, profesional e cultural dos galegos do exterior
Santiago de Compostela, 1 de xaneiro de 2025
A Xunta pecha o 2024 cun balance moi positivo dos programas impulsados en apoio dos galegos do exterior, tanto no ámbito social e cultural como no fomento do retorno, consolidando así o seu firme compromiso cos galegos que residen fóra das nosas fronteiras. Ao longo deste exercicio, máis de 30.000 familias beneficiáronse das diferentes iniciativas promovidas desde a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración a través da Secretaría Xeral da Emigración.
En concreto, o apoio ao emprendemento galego que regresa do exterior foi decisivo en 2024, con 150 beneficiarios duns 30 países entre os que destacan A Arxentina, Cuba, Venezuela e O Reino Unido. Cun investimento de 1,23 M€ (+23%), estes emprendedores recibiron axudas que podían chegar aos 10.000 euros para facilitar os seus proxectos.
Ademais, 1.150 persoas con necesidade de apoio para volver a Galicia recibiron unha axuda extraordinaria ao retorno, cun orzamento de 3,5 M€ (+34%). Procedían duns 40 países, principalmente de Cuba, Venezuela e A Arxentina ou O Reino Unido, Suíza e Alemaña.
No ámbito formativo, outorgáronse 250 bolsas BEME para estudos de posgrao en Galicia, beneficiando especialmente mozos da Arxentina, O Uruguai, O Brasil, Venezuela, Cuba, O Reino Unido, Francia, Os Países Baixos ou Bélxica. Cun orzamento de 2,2 M€ (+6%), estas bolsas acumulan 1.500 beneficiarios desde 2017, dos cales un 80% permanece en Galicia.
Programas Conecta, Reencontros, Escolas Abertas e obradoiros
A través dos Programas Conecta (Conecta Voluntariado, Conecta Galicia e Conecta Camiño), 107 mozos do exterior participaron en iniciativas para reforzar o seu vínculo con Galicia, contribuíndo a fortalecer a relación das novas xeracións coa súa terra de orixe.
Mentres, preto de 200 galegos maiores de 65 anos, cunha media de idade de 78, tiveron a oportunidade de volver á súa terra grazas ao programa Reencontros con Galicia. Procedían da Arxentina, O Brasil, O Uruguai, Venezuela e Cuba.
Ao longo do ano, organizáronse tamén 66 obradoiros de música e cultura galega en 17 países, con 2.000 participantes de América ou Europa, fortalecendo a presenza cultural e formativa de Galicia máis alá das súas fronteiras.
Asemade, máis de 70 profesores dos centros galegos beneficiáronse do programa Escolas Abertas, con especial presenza de persoas da Arxentina, O Brasil, O Uruguai e do resto de España impulsando así a formación e a difusión da nosa cultura no exterior.
Finalmente, as axudas ás entidades galegas no exterior —preto de 200 en todo o mundo— permitiron realizar 30 acordos de colaboración con centros de atención social, o que posibilitou chegar a moitas persoas do exterior.
Orzamento 2025
Co gallo de dar continuidade e reforzar as políticas impulsadas este ano, o orzamento da Secretaría Xeral da Emigración previsto para 2025 medrará un 10%. A Xunta ratifica así o seu compromiso co benestar, coa integración e co desenvolvemento persoal, profesional e cultural dos galegos do exterior, consolidando os seus vínculos coa terra e facendo posible o seu retorno nas mellores condicións.
Cómpre engadir outras políticas a prol da volta dos galegos do exterior como o programa Retorna Cualifica Emprego co que se prevé beneficiar 200 persoas, actualmente aberto no marco do plan de captación de talento que se impulsará neste 2025.
Así, segundo a Estatística de Migracións e Cambios de residencia de 2023, Galicia experimentou un saldo migratorio positivo de 25.738 persoas, unha das mellores cifras de toda a serie histórica, continuando coa tendencia dos últimos anos, nos que a nosa Comunidade gaña poboación grazas a todas as persoas que deciden residir aquí. Este saldo favorable inclúe tanto o movemento migratorio con países estranxeiros —que sumou 23.337 persoas— como co resto das comunidades autónomas de España, con 2.401 persoas. Ademais, o 2023 foi o terceiro ano consecutivo que acadou unha cifra histórica de retorno, cun total de 8.459 galegos de volta.