A conselleira de Política Social e Igualdade recibiu esta mañá aos dous mozos galardoados o pasado mes de decembro

Fabiola García pon en valor o exemplo de superación de Hafsa e Ibrahima, dous adolescentes do sistema de protección que son premios extraordinarios da ESO

A conselleira felicitounos polo seu esforzo e puido coñecer as historias persoais ao tempo que agradeceu o compromiso dos profesionais que traballan nos centros de menores

Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, felicitou esta mañá a Hafsa e Ibrahima, dous mozos que forman parte do sistema de protección da Xunta e que o pasado mes de decembro recibiron o premio de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) ao esforzo e á superación persoal.

A conselleira felicitounos polo seu esforzo e puido coñecer as historias persoais, que definiu como “un auténtico exemplo de superación”. No caso de Ibrahima, de 16 anos, trátase dun menor migrante non acompañado procedente de Senegal, que reside na casa de familia de Burela. Actualmente, está cursando un ciclo medio de coidados de enfermaría que combina co fútbol. Pola súa banda, Hafsa, de 20 anos, residiu no centro de menores de Meirás, en Sada. Hoxe atópase estudando un ciclo de atención a dependentes en Cruz Vermella.

Fabiola García destacou que este recoñecemento, polo que foron felicitados persoalmente polo Presidente da Xunta no acto de entrega, é posible “grazas ás súas ganas e constancia” e tamén grazas ao apoio dos profesionais que atenden día a día estes centros, aos que quixo agradecer o seu traballo e compromiso. Nesta liña, puxo en valor que a protección da infancia e da adolescencia é unha das prioridades do Goberno galego.

Así, destacou que nos últimos anos a Xunta reforzou os orzamentos destinados ao nenos e adolescentes en situación de vulnerabilidade. De feito, neste 2025 incrementouse nun 8% o orzamento destinado á protección dos menores, ata chegar aos 65M€, e eleváronse nun 15% os recursos para acollemento familiar, ata superar os 7M€.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/01/2025