Medio Rural convoca por primeira vez as axudas relativas aos compromisos forestais de xestión de servizos ecosistémicos

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde pola que se establecen as bases reguladoras destas axudas e se convocan para o ano 2025, dotadas cun orzamento de máis de 600.000 euros

Esta achega consiste nun pago anual, durante un quinquenio -anos 2025, 2026, 2027, 2028 e 2029-, dunha prima sobre a base dos custes adicionais incorridos e do lucro cesante resultante dos compromisos forestais de xestión de servizos ecosistémicos

Están dirixidas a entidades locais, comunidades de montes veciñais en man común, agrupacións forestais de xestión conxunta e montes de varas

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2025

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2025 as axudas relativas aos compromisos forestais de xestión de servizos ecosistémicos, cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desarrollo Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da Política Agrícola Común de España (Pepac) para o período 2023-2027, cun orzamento total de 624.813 euros.

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, convoca por primeira vez a liña de axudas aos compromisos para xestión de terreos forestais, co fin de fomentar determinadas prácticas voluntarias de xestión que contribúen á conservación e estabilidade dos montes, de maneira que poidan seguir prestando servizos ecosistémicos tales como captura e almacenamento de carbono, regulación hidrolóxica, cantidade e calidade da subministración de auga, servizos culturais e de recreo, protección de solos, conservación da biodiversidade, incluíndo os hábitats, e mantemento da paisaxe.

A finalidade desta orde é conceder no ano 2025 unha axuda que consiste nun pago anual, durante un quinquenio -anos 2025, 2026, 2027, 2028 e 2029-, dunha prima sobre a base dos custes adicionais incorridos e do lucro cesante resultante dos compromisos forestais de xestión de servizos ecosistémicos.

A orde será de aplicación aos montes ou terreos forestais que teñan ou estean en condición de obter un certificado de servizos ecosistémicos expedido por algún sistema de certificación forestal recoñecido e validado polos mercados nacionais e internacionais. As declaracións de servizos do ecosistema poderán ser: conservación da biodiversidade (SE1), servizos das bacías hidrográficas (SE2), conservación do solo (SE3) ou servizos recreativos (SE4).

Beneficiarios

As axudas están dirixidas a entidades locais, comunidades de montes veciñais en man común, agrupacións forestais de xestión conxunta e montes de varas. Ofrecerán unha prima anual durante un período de cinco anos, destinada a cubrir os custos adicionais e o lucro cesante derivados da adhesión a sistemas de certificación de servizos ecosistémicos recoñecidos.

O importe máximo por cada beneficiario será de 15.000 euros e ano, cunha axuda por hectárea de 167,42 euros para as primeiras 10 hectáreas e 129,92 para as restantes. O prazo para presentar as solicitudes será dun mes a partir do día seguinte á publicación no DOG, realizándose unicamente por medios electrónicos.

Esta orde alíñase cos obxectivos da primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040, que busca avanzar cara á neutralidade carbónica mediante o impulso da multifuncionalidade e a sustentabilidade dos montes galegos.

Data de actualización: 17/01/2025