O conselleiro de Sanidade presidiu o acto de presentación desta sociedade, remarcando o papel fundamental que desempeñan os farmacéuticos dos hospitais
Gómez Caamaño salienta como unha gran noticia para a atención sanitaria personalizada a creación da Sociedade Galega de Farmacia Hospitalaria
Considera a farmacia hospitalaria unha profesión líder, innovadora e de prestixio, recoñecida como ponte esencial entre o paciente e a boa calidade da súa saúde
Subliña o papel especialmente relevante que ten no avance da oncoloxía de precisión, que está a dar pasos adiante da man do Comité molecular de tumores
Remarca que, a farmacia en xeral e a hospitalaria en particular, está chamada a gañar moito protagonismo como axente de saúde de primeiro nivel
Pon en valor o investimento de 3,1 millóns de euros da Xunta para modernizar os servizos de farmacia de diversos hospitais públicos
Incide en que a Xunta aumenta anualmente os recursos destinados á prestación farmacéutica nos hospitais, destinando neste ano 613 millóns, o que supón un incremento do 8,8 % respecto ao ano anterior
Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, salientou hoxe como unha gran noticia para a atención sanitaria personalizada a creación da Sociedade Galega de Farmacia Hospitalaria, que tamén demostra que a farmacia hospitalaria é unha profesión sanitaria líder, innovadora e de prestixio, recoñecida como ponte esencial entre o paciente e a boa calidade da súa saúde.
No acto de presentación da nova sociedade, que tivo lugar no Edificio Administrativo de San Lázaro, o conselleiro estivo acompañado pola presidenta da Sociedade Galega de Farmacia Hospitalaria, Sonia González Costas, quen deu a coñecer os obxectivos e retos futuros desta sociedade.
O titular da carteira sanitaria incidiu en que, nos plans do seu departamento, a farmacia en xeral e a hospitalaria en particular está chamada a gañar moito protagonismo como axente de saúde de primeiro nivel.
Nun sistema sanitario orientado aos resultados en saúde, Gómez Caamaño incidiu en que que os avances de investigación dos últimos tempos sitúan á Xunta ante o deber de explorar os camiños da medicina personalizada e de precisión a través de equipos multidisciplinares. Para ese fin de avanzar no diagnóstico e tratamento a medida de cada paciente, o conselleiro de Sanidade considerou fundamental contar cunha farmacia hospitalaria sólida, organizada, implicada e decidida a ocupar unha posición de vangarda.
Funcións clave
Gómez Caamaño subliñou a función da farmacia hospitalaria no avance da oncoloxía de precisión, que está a dar importantes pasos adiantes en Galicia da man do Comité molecular de tumores, organismo fundamental na abordaxe guiada e colectiva dos casos máis complexos de cancro.
Ademais, a farmacia hospitalaria é clave na promoción de novos sistemas de seguridade e tecnoloxías da información, integradas co resto de sistemas sanitarios.
Na súa intervención, Gómez Camaaño puxo en valor o esforzo inversor da Xunta á hora de mellorar as instalacións das farmacias dos hospitais públicos galegos. Así, nos últimos anos o Executivo autonómico realizou un investimento de 3,1 millóns de euros para modernizar os servizos de farmacia dos hospitais do Servizo Galego de Saúde de Ferrol, O Barco de Valdeorras, Monforte de Lemos e Santiago de Compostela.
Ademais, a Xunta aumenta anualmente os recursos destinados á prestación farmacéutica nos hospitais. En concreto, neste exercicio 2025 destina 613 millóns de euros, o que supón un incremento do 8,8 % respecto ao ano anterior, co fin de acadar o maior beneficio posible para a saúde da poboación.
O conselleiro de Sanidade rematou a súa intervención dirixíndose aos farmacéuticos hospitalarios máis novos, xa que son o futuro desta profesión. Remarcou que a súa enerxía, compromiso e innovación serán os motores que seguirán a impulsar a excelencia na farmacia hospitalaria galega.