O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, expuxeron ante o sector estas modificacións en resposta á principal preocupación da cidadanía: o acceso á vivenda, no Foro Construír Xuntos, na Coruña

A Xunta expón as medidas lexislativas e fiscais activas xa desde o 1 de xaneiro para promover a construción e rehabilitación de vivendas e incentivar e axilizar a súa posta no mercado

M. Allegue incide no “ritmo de licitacións abrumador, e tamén no ritmo de execución de obra”, no compromiso da Xunta de duplicar o parque público de vivenda, ata chegar ás 8.000

Destaca ferramentas como os Proxectos de Interese Autonómico (PIAs) para reducir os trámites á metade; e as Certificacións ECCOM, que terán a mesma validez que os informes técnicos municipais, o que permitirá tamén aforrar tempo de tramitación aos concellos

Refire os cambios na Lei de Vivenda de Galicia, que establece a cualificación indefinida e permanente do réxime de protección das VPP e das VPA que se constrúan nun solo desenvolvido por promotor público a partir da entrada en vigor desta norma

Cita medidas, como a da simplificación dos requisitos para a conversión de baixos en vivendas ou a modificación do réxime especial para o remate de vivendas inacabadas, tendo en conta que os novos edificios terán que destinar, como mínimo, a metade das novas a vivendas protexidas

Miguel Corgos lembra que as bonificacións fiscais para colectivos prioritarios aprobadas polo Goberno galego desde o ano 2016 permitiron un aforro de case 150M€ á cidadanía

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2025

A Xunta deu conta hoxe das medidas lexislativas e fiscais activas xa desde o 1 de xaneiro deste ano, para promover a construción e rehabilitación de vivendas e incentivar e axilizar os trámites para a súa posta no mercado.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, expuxeron hoxe no Foro Construír Xuntos, organizado no Palexco, na Coruña, as modificacións normativas do Goberno galego para dinamizar o mercado da vivenda.  Neste foro sectorial, tamén participou o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto.

Na presentación das medidas, a responsable de Vivenda salientou o traballo da Xunta para dar solución a milleiros de familias, poñendo en valor que “nunca se fixo tanto, en tan pouco tempo”. Incidiu no “ritmo de licitacións abrumador, e tamén o ritmo de execución de obra”, no compromiso da Xunta de duplicar o parque público de vivenda, ata chegar ás 8.000; tendo xa máis de 1.700 vivendas en distintas fases de execución. A semana pasada púxose a primeira pedra dun edificio de Vivenda de Promoción Pública (VPP) en Xuxán (A Coruña), e se fixo o mesmo en Navia (Vigo).

Lembrou como a Xunta vén de licitar, cun orzamento de 8,2M€ (7,4M son propios fondos da Xunta, o resto fondos europeos), a execución das obras de rehabilitación de 8 edificios nos centros históricos de Ourense, Tui, Ribadavia, A Coruña e Viveiro, que permitirán a creación de 25 vivendas públicas. Estas vivendas, impulsadas no marco do proxecto para recuperar inmobles, o programa Rexurbe, ten permitido desde a súa posta en marcha a adquisición de 94 inmobles, cos que a Xunta prevé crear 167 vivendas nos concellos de Ourense, Tui, Mondoñedo, Lugo, Ribadavia, Viveiro, A Coruña, Vilalba, Ferrol, Betanzos e Ribadeo.

Por outra banda,  M. Allegue referiuse á nova Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal) que está xa a pleno rendemento, e tamén á 1ª fase da Estratexia de Solo Residencial na que a Xunta está inmersa e que facilitará a construción de 25.000 vivendas, 5.000 libres.

A conselleira fixo fincapé que para seguir avanzando é necesario tamén darlle unha volta, por exemplo, á lenta e farragosa burocracia, para o que a Xunta ten dado un paso máis para axilizar as ferramentas coma os Proxectos de Interese Autonómico (os PIAs), que permitirán reducir os trámites á metade; e as Certificacións ECCOM, que terán a mesma validez que os informes técnicos municipais, o que permitirá tamén aforrar tempo de tramitación aos concellos.

M. Allegue abundou nas medidas lexislativas e fiscais impulsadas pola Xunta, activas desde o 1 de xaneiro, co fin de axilizar trámites para incentivar a posta no mercado de vivendas, promover a rehabilitación e reducir taxas para edificios destinados a vivenda.

No que atinxe ás medidas lexislativas, a conselleira falou dos cambios na Lei de Vivenda de Galicia, por exemplo, establecendo a cualificación indefinida e permanente do réxime de protección das VPP e das Vivendas de Protección Autonómica (VPA) que se constrúan nun solo desenvolvido por promotor público a partir da entrada en vigor desta norma.

Citou, ademais, outras medidas, como a da simplificación dos requisitos para a conversión de baixos en vivendas ou a modificación do réxime especial para o remate de vivendas inacabadas (esqueletos), para o que poderá solicitarse licenza de rehabilitación ata 2028, tendo en conta que os novos edificios terán que destinar, como mínimo, a metade das novas vivendas a protexidas.

Segundo indicou M. Allegue, todas estas modificación perseguen incentivar a construción ou rehabilitación de vivenda. De tal xeito, que todas as medidas lexislativas  e fiscais, ás que suman outras coma as axudas a promotores, as convocatorias de axudas para adquisición de vivenda, para infravivenda, para concellos, ou para colectivos máis vulnerables, son “un conxunto de acción encamiñadas a dar resposta á principal preocupación da cidadanía que é o acceso á vivenda”, remarcou.

Novas medidas fiscais para este ano 2025

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, quixo lembrar a aposta continuada do Goberno galego ao longo dos anos para favorecer o aceso á vivenda, en especial aos mozos. Apuntou que as bonificacións fiscais para colectivos prioritarios aprobadas desde o ano 2016 permitiron un aforro de case 150M€ á cidadanía.

Miguel Corgos explicou que, para reforzar a aposta pola vivenda, os orzamentos deste ano inclúen novas medidas fiscais como a bonificación do 75% dos Actos Xurídicos Documentados (AXD) para adquirir, construír e rehabilitar edificios destinados ao aluguer, de xeito que se incentive a oferta de vivendas en alugueiro. Ademais, as persoas que merquen locais comerciais para vivenda beneficiaranse tamén dos tipos reducidos en Imposto de Transmisións Patrimoniais (ITP) e AXD dos colectivos prioritarios.

Estas dúas medidas reforzan a rebaixa xa en vigor de tipos reducidos para a compra de vivenda para rehabilitación (6% de ITP e 4% en zonas pouco poboadas).

Ademais haberá unha dedución no IRPF, de 500 euros polo arrendamento de vivendas baleiras, así como un 15% máis para os gastos de rehabilitación dun inmoble baleiro para destinalo ao arrendamento como vivenda, por un importe máximo de 3.000 euros ao ano, durante tres exercicios.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/01/2025