A Xunta amplía a suspensión na actividade exterior nos centros educativos e a actividade deportiva federada e do programa Xogade a varias zonas da Coruña

Trátase de 12 concellos na zona Suroeste, 10 na Oeste e 38 na Noroeste de Coruña, que se suman aos 15 na Mariña de Lugo e aos 19 na Montaña de Ourense nos que xa se comunicara onte a cancelación das actividades 

A actividade deportiva federada no mar tamén se cancelou en concellos da Coruña e Pontevedra afectados por temporal costeiro. 

Incídese na importancia de seguir as medidas de protección e de extremar as precaucións, e aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2025

A Comisión Escolar de Alertas acordou esta mañá ampliar a suspensión de actividades no exterior debido ás últimas actualizacións dos partes meteorolóxicos dos distintos organismos predictores.

Tras a nova reunión, a Comisión Escolar de Alertas decidiu ampliar a suspensión da actividade nos centros educativos, así como da actividade deportiva federada e das do programa Xogade que se realicen no exterior a tres zonas máis debido a un fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa por ventos. A limitación rexerá, a partir das 18,00 horas, nas zonas Suroeste, Oeste e Noroeste da Coruña. Esta suspensión súmase á xa comunicada onte para todo o día de hoxe nas zonas da Mariña de Lugo e a Montaña de Ourense.

Os concellos afectados poden consultarse no mapa de zonas climáticas de MeteoGalicia. Trátase de 12 concellos na zona Suroeste de Coruña, 10 na Oeste de Coruña, 38 na Noroeste de Coruña, 15 na Mariña de Lugo e 19 na Montaña de Ourense.

Ademais, mantense a cancelación da actividade deportiva federada no mar nos concellos afectados polo temporal costeiro en municipios da Coruña e Pontevedra. Trátase de 8 municipios na Mariña, 26 concellos no Noroeste da Coruña, 6 da Costa da Morte, 7 no Suroeste da Coruña e 24 nas Rías Baixas.

A Xunta lembra a necesidade de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Ademais, sinálase a importancia de retirar os obxectos que poidan caer á rúa desde os tellados, balcóns e fiestras, e evitar pasar preto de edificios en ruínas ou en construción, de árbores, de paneis publicitarios e de obxectos susceptibles de desprazarse con vento.

Ante as fortes chuvias recoméndase circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, non atravesar zonas inundadas ou que poidan chegar a asolagarse e non aparcar nas ribeiras dos ríos.

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

Data de actualización: 24/01/2025