O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio, Gabriel Alén, visitou hoxe en Santiago o taller desta ourive
A Xunta destaca a Susi Gesto como exemplo paradigmático de remuda xeracional no sector artesanal e de innovación na ourivería tradicional
Adherida ao selo Artesanía de Galicia, a artesá combina tradición e contemporaneidade ao actualizar deseños clásicos como os sapos e incorporar materiais innovadores, creando pezas únicas e personalizadas
José González enxalza o seu traballo como formadora e divulgadora, contribuíndo na formación de novos talentos a través do programa ‘Aprender da tradición. Oficios e técnicas’, iniciativa pioneira da Xunta para avanzar na transmisión ás novas xeracións
Cun orzamento de 1,2 millóns de euros, o Goberno galego reforza este ano o labor da Fundación Artesanía de Galicia no marco do firme compromiso con este sector prioritario, clave no emprendemento ligado ao territorio
Para consolidar este esforzo, Galicia vén de reclamar ao Goberno central acceso aos fondos Next Generation -que o Executivo ten reservados e sen executar- para apoiar proxectos singulares no eido do comercio e da artesanía como o programa ‘Vilas Vivas’
Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2025
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado do director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou esta mañá o obradoiro da ourive compostelá Susi Gesto, adherida ao selo Artesanía de Galicia e unha das profesionais galegas máis destacadas do oficio.
José González destacou que Susi Gesto representa o legado e o futuro dun oficio tradicional como é a ourivería, actualizando e personalizando as súas creacións desde unha perspectiva contemporánea e revisitando elementos tradicionais coma os sapos a través da innovación nos deseños e no uso de novos materiais. Así mesmo, González fixo fincapé en que a artesá é un exemplo paradigmático da necesaria remuda xeracional no sector artesanal. A este respecto, destacou que Susi Gesto aprendeu o oficio dende nena co seu pai, Eloy Gesto, un dos artesáns máis relevantes da tradición ourive de Compostela e en cuxa honra un dos Premios Artesanía de Galicia, o adicado á formación de novos talentos, leva o seu nome.
Ademais, o titular de Emprego puxo en valor que unha parte moi importante do traballo de Susi Gesto está enfocada á demostración e á transmisión do seu oficio, tanto a través de obradoiros de iniciación para achegarlle a ourivería á sociedade como a través de docencia para persoas que queiran perfeccionar a súa técnica.
Nesto senso, agradeceu á artesá a súa colaboración coa Fundación Artesanía de Galicia como docente en eventos tan importantes para o sector coma o Corazón da Artesanía de Agolada ou Artesanía de Galicia no Courel, así como no programa Aprender da tradición. Oficios e técnicas, unha iniciativa pioneira impulsada pola Xunta dende 2023 co obxectivo de manter, divulgar e recuperar técnicas tradicionais e de fomentar o relevo xeracional, incorporando novos talentos en oficios como a forxa, a sombreirería, a xastrería, a ourivería ou a olería.
Impulso estratéxico do sector artesán
O Goberno galego mantén un firme compromiso con este sector fundamental, fonte de emprego, de desenvolvemento sustentable e de emprendemento ligado ao territorio. Neste marco, a Fundación Artesanía de Galicia conta este ano con 1,2 millóns de euros de orzamento para desenvolver a súa actuación, un 14% máis respecto de 2024.
Asemade, o Plan Estratéxico de Comercio 2025-2030 contemplará tamén medidas específicas para garantir a competitividade e a remuda xeracional do oficios tradicionais, ademais de reforzar a continuidade do programa Aprender da tradición, coa vontade de incrementar o número de actividades e a diversidade de técnicas.
Precisamente esta semana, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración mantivo un encontro coa secretaria de Estado de Comercio, María Amparo López Senovilla, co obxectivo de reclamar que a Comunidade poida acceder a recursos Next Generation -que o Goberno central ten reservados e sen executar- destinados a este sector. Esta colaboración contribuiría a potenciar o esforzo que está realizando Galicia exclusivamente con fondos propios —só en 2024 destináronse 10,4 millóns de euros a este eido— para desenvolver proxectos singulares dirixidos ao sector comercial e artesanal que se prevén impulsar este ano, entre os que figuran medidas nas que os artesáns terán un protagonismo crucial como é o caso de Vilas Vivas, un proxecto que busca dar unha nova vida a baixos comerciais en desuso de diferentes cascos históricos e eventos efémeros de fin de semana e cuxa experiencia piloto tivo lugar en Ribadavia o pasado mes de decembro.