A Xunta destina 1,8 M€ ás axudas para programas de cooperación para o desenvolvemento no exterior no período 2025-2027
O Diario Oficial de Galicia publica a nova convocatoria, que contará con achegas de ata 600.000 euros para ONGDs que actúen en países de intervención prioritaria
A medida enmárcase no V Plan director da cooperación galega 2023-2026, que establece a planificación estratéxica na materia
Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2025
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria para 2025 das subvencións destinadas á execución de programas de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidas por Organizacións Non Gobernamentais para o Desenvolvemento (ONGDs) no período 2025-2027. Trátase dunha unha nova orde de axudas con carácter plurianual, dotada con 1,8 millóns de euros, que ten como obxectivo propiciar o desenvolvemento integral dos países de intervención e contribuír á loita contra a pobreza mediante o impulso socioeconómico e cultural sostible.
As entidades beneficiarias distribuiranse un crédito de 540.000 euros neste 2025 e de 630.000 euros nos anos 2026 e 2027. Financiarase ata o 95% do orzamento do proxecto, con achegas de ata 600.000 euros para cada un deles.
A medida vai dirixida a entidades inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento con polo menos cinco anos de antelación á data da convocatoria, e que realizasen no último lustro un mínimo de cinco proxectos de cooperación para o desenvolvemento financiados pola Xunta no marco das axudas da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE. Deberán tamén contar cunha persoa contratada en Galicia nese período.
Financiaranse proxectos realizados a partir de 2025 e ata 2027, cunha duración de entre 25 e 36 meses, nalgún dos países definidos como prioritarios no V Plan director da cooperación galega 2023-2026. Trátase de Nicaragua, Guatemala, Honduras, O Salvador, A República Dominicana, Perú, Ecuador, Bolivia, Mozambique, Guinea Bissau e Cabo Verde.
A iniciativa enmárcase na aposta do Goberno galego pola promoción de programas que melloren o impacto das actuacións, aumentando a duración do financiamento das intervencións en cooperación exterior, tamén en liña co establecido no V Plan director da cooperación galega.
As solicitudes deberán presentarse de maneira obrigatoria a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal) no prazo dun mes desde mañá.
Cómpre sinalar que este documento establece a planificación estratéxica do Goberno galego en materia de cooperación para o desenvolvemento ata 2026. Contempla o avance nos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) co fin de erradicar a pobreza, reducir as desigualdades, promover os dereitos humanos e as liberdades fundamentais ou loitar contra o cambio climático. Así, o plan aliña o seu marco estratéxico coa Axenda 2030 e os seus ODS.