A Xunta convoca o programa Investigo 2025 con case 5 M€ ao abeiro da Estratexia Mocidade Activa para reter o talento de ata 215 persoas menores de 30 anos

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe esta iniciativa que se enmarca na nova estratexia para a xente moza que —tan só no caso da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración— estará dotada con 20 millóns de euros 

A nova edición está avalada polo precedente de que arredor do 52% dos beneficiarios das convocatorias anteriores continúan a traballar nas empresas que confiaron neles 

En concreto, finánciase a contratación indefinida e a tempo completo por 12 meses de persoas desempregadas de entre 16 e 30 anos por parte de empresas cualificadas como iniciativas de base tecnolóxica e/ou que traballen en investigación e innovación

Por primeira vez, resérvase 1 millón de euros do orzamento para as entidades privadas sen ánimo de lucro que teñan como actividade principal a I+D+i 

Entre os anos 2022 —cando se estreou o programa—  e 2024, a Xunta destinou máis de 27 millóns de euros a esta iniciativa, con máis de 210 empresas beneficiarias que posibilitaron case 900 contratacións de persoas mozas

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2025

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o programa Investigo 2025, con máis de 4,8 millóns de euros de orzamento para apoiar a contratación de menores de 30 anos no eido da investigación, a tecnoloxía e a innovación. Por primeira vez, a iniciativa intégrase na nova Estratexia Mocidade Activa do Goberno galego para impulsar as oportunidades laborais e reter o talento da xente nova, que —tan só no caso da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración— estará dotada con 20 millóns de euros.

A previsión é fomentar a contratación de entre 145 e 215 persoas en función dos módulos salariais que se apliquen, avaladas polo precedente de que arredor do 52% dos beneficiarios das convocatorias anteriores continúan a  traballar nas empresas que confiaron neles no marco do programa Investigo. 

Como novidade na convocatoria de 2025, resérvase 1 millón de euros do presuposto para as entidades privadas sen ánimo de lucro e personalidade xurídica propia que teñan como actividade principal a I+D+i.

Detalles da convocatoria

Co programa Investigo, a Administración autonómica apoia a contratación de persoas mozas como investigadoras, tecnólogas, persoal técnico e outros perfís profesionais en I+D+i en empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), así como en calquera outra radicada en Galicia que desenvolva a súa actividade no eido da investigación, a tecnoloxía e a innovación.  

As contratacións formalizaranse na modalidade de contrato indefinido a tempo completo, por un período máximo subvencionado de 12 meses. As persoas beneficiarias finais, de entre 16 e 30 anos, deben atoparse en situación de desemprego e estar inscritas como demandantes de emprego no momento de comezar a relación contractual.

En concreto, as achegas da Xunta permitirán financiar a contratación por conta allea das mozas e mozos e oscilarán entre os 22.405,92 e 33.108,84 euros por persoa segundo os módulos que se apliquen, cubrindo os custos laborais e salariais.  

Canto aos campos de traballo, as persoas contratadas levarán a cabo as súas actividades preferentemente en eidos como o da transición ecolóxica, economía verde (enerxías renovables, eficiencia enerxética, tratamento de augas e de residuos e industria agroalimentaria) e dixitalización de servizos, enxeñaría de datos e data science. As iniciativas poderán desenvolverse tamén en ocupacións referidas á sanidade e investigación.  Cómpre engadir que entre os anos 2022 —cando se estreou o programa Investigo—  e 2024, a Xunta destinou máis de 27 millóns de euros a este plan, cun total de 213 empresas beneficiarias que posibilitaron 863 contratacións de persoas mozas.

Estratexia Mocidade Activa

Con esta medida, a Xunta segue a propiciar a inserción laboral das persoas mozas, mellorando a súa cualificación e outorgándolles a posibilidade de desenvolverse profesionalmente en ocupacións con alta demanda.

No marco do compromiso autonómico coa retención do talento mozo a Estratexia Mocidade Activa busca impulsar as oportunidades dos máis novos para que atopen emprego de calidade ou se atrevan co emprendemento tamén con outras iniciativas, como o programa de 1ª experiencia profesional que se reeditará este ano, o Galicia Emprega Moz@s, os programas de emprego para menores de 30 anos do sistema de Garantía Xuvenil ou o novo proxecto de apoio ao emprendemento para favorecer a conexión entre mozos universitarios con empresas usuarias da Rede de polos.

Ligazón á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250128/AnuncioG0767-271224-0009_gl.html

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/01/2025