A Xunta convoca axudas para obras e adquisición de equipamentos para as entidades galegas do exterior

O Diario Oficial de Galicia  publica hoxe a convocatoria de 2025 destas achegas, dotada con 635.000 euros, e que se poderán solicitar desde mañá ata o 28 de febreiro

A convocatoria deste ano distribúese en dous programas, un destinado a obras, adquisición de instalacións e conservación do patrimonio e o outro para a mellora de dotacións e equipamento de carácter inventariable e tamén cultural

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2025

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a nova liña de axudas da Secretaría Xeral da Emigración para as entidades galegas do exterior que contará cun crédito orzamentario de 635.000 euros e que se destinará á conservación do patrimonio, mellora de equipamentos e reforma das instalacións para que teñan as mellores condicións e conten con equipamento axeitado e modernizado para poder realizar as súas actividades. Neste sentido, pódense acoller a esta liña de axudas todas as entidades, sen diferencia pola súa tipoloxía: as comunidades galegas e centros de estudo e difusión da cultura galega.

A convocatoria distribúese en dous programas. Un deles destinado a obras, adquisición de instalacións e conservación do patrimonio, e o outro programa é para a mellora de dotacións e equipamento de carácter inventariable e cultural, que inclúe aplicacións informáticas de xestión para a súa dixitalización, facilitando así por unha banda, a relación coa Administración en canto á presentación e xustificación de subvencións, así como co Rexistro de Comunidades Galegas, o que permitirá que teñan actualizada toda a súa documentación.

O prazo de presentación de solicitudes abrirá mañá e prolongarase ata o 28 de febreiro e os detalles e requisitos específicos necesarios poderán consultarse na convocatoria que publica hoxe o DOG.

Desde a Secretaría Xeral da Emigración enfatizan a importancia de continuar apoiando e colaborando coas nosas entidades. Recordan que o obxectivo de asegurar que teñan os recursos necesarios non só para o seu funcionamento, senón tamén para manter infraestruturas adecuadas que faciliten a mellor atención aos galegos e galegas residentes no estranxeiro.

Ligazón á convocatoria no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250128/AnuncioG0767-271224-0002_gl.html

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/01/2025