O conselleiro de Ciencia visitou a firma viguesa, beneficiaria das liñas de axuda da Axencia Galega de Innovación
Román Rodríguez sinala os proxectos da empresa Cardama Shipyard como exemplo de colaboración cos centros de investigación
A Xunta lanzará este ano a nova convocatoria Nexos, dotada con máis de 20M€ e que prevé chegar a 50 proxectos e 200 beneficiarios para apoiar traballos de I+D+i
Entre as novidades destaca a priorización de varios ámbitos temáticos e a incorporación por primeira vez de custos simplificados
Vigo, 30 de xaneiro de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou hoxe a firma viguesa Cardama Shipyard, especializada na construción, reparación e transformación de buques desde 1916 e beneficiaria das liñas de axuda en materia de I+D+i da Axencia Galega de Innovación. O titular de Ciencia puxo esta empresa e os seus proxectos como exemplo de innovación e colaboración cos centros de investigación, animándoa a que opte a nova liña de axudas Nexos que lanzará o Goberno galego ao longo do segundo trimestre deste ano 2025.
Esta convocatoria estará dotada con máis de 20M€ prevé chegar a 50 proxectos e 200 beneficiarios co fin de apoiar proxectos de I+D+i en colaboración con centros de coñecemento. Entre as novidades desta liña de axudas destaca a priorización dun número reducido de ámbitos temáticos e a incorporación de custos simplificados na xustificación das axudas, evolucionando así o programa ConectaPeme que funcionaba anteriormente.
Durante a vixencia deste último programa, Cardama Shipyard foi beneficiaria co proxecto Modulight, polo que recibiu máis de 106.000 euros. Con este proxecto búscase desenvolver un concepto de embarcación modular multi-propósito baseada en estruturas lixeiras e procesos de fabricación flexibles, algo que marca un cambio na fabricación e deseño de barcos ao permitir maximizar a eficiencia de series curtas de produción. O estaleiro Cardama lidera este proxecto ao desenvolver embarcacións como barcazas graneleiras, portacontedores, remolcadores, quimiqueiros e de carga.
Con esta nova convocatoria o Goberno galego quere continuar fomentando o vinculo entre empresas e centros tecnolóxicos para impulsar a transferencia de coñecemento e fortalecer o eido científico en Galicia en beneficio da sociedade. Neste sentido, o representante da Xunta animou a empresas e centros tecnolóxicos a concorrer a esta convocatoria e estender a innovación por todo o territorio galego. “Continuaremos traballando para seguir transformando o tecido empresarial e incrementando os niveis de colaboración público-privada, así como o número de profesionais dedicados á investigación e a modernización de infraestruturas e equipamentos de I+D+i, tanto nas cidades como no ámbito local e rural”, sinalou.
O estaleiro vigués
Román Rodríguez coñeceu as instalacións de Cardama Shipyard e puido ver de cerca o seu traballo innovador. Conta con capacidade para buques de máis de 100 metros de eslora e 3.500 toneladas; dispón de seis vías de varada e un peirao de reparacións propio de 80 metros, así como naves con capacidade para ofrecer todo tipo de servizos.
A firma viguesa realizou maioritariamente proxectos de buques pesqueiros para armadores galegos, pero tamén destaca pola súa actividade exportadora, representando o 95% das súas vendas, principalmente á Unión Europea.