O delegado territorial visita o obradoiro ‘Mar de Santiago IV’, en Vilanova, e destaca a gran empregabilidade que tiveron as edicións pasadas
O programa é posible grazas a un investimento da Xunta de Galicia de preto de 412.000 euros
Reguera lembrou a alta demanda de traballadores que existe no sector turístico e hostaleiro
Vilanova de Arousa (Pontevedra), 30 de xaneiro de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o Obradoiro Dual de Emprego ‘Mar de Santiago IV’, no concello de Vilanova de Arousa.
Trátase de un obradoiro que formará a 20 persoas desempregadas nas especialidades de cociña e restaurante-bar. Este obradoiro, que terá unha duración aproximada nove meses, é posible grazas a un investimento da Xunta de preto de 412.000 euros. Así, o alumnado recibirá a formación necesaria para poder desenvolverse nas súas áreas, ademais de contar con prácticas remuneradas durante toda a duración do curso.
Cabe destacar que estas prácticas reverterán a favor dos seus concellos, xa que os participantes realizarán traballos dentro dos seus municipios. Así, está previsto que os estudantes realicen traballos en diversas iniciativas sociais e solidarias que leve a cabo o concello de Vilanova de Arousa ao longo deste ano.
O delegado territorial utilizou a súa intervención para felicitar a todos os participantes por ter sido seleccionados para este obradoiro e lembrou que van “formarse en áreas que teñen unha gran demanda de traballadores neste momento”. Neste sentido, Reguera destacou a importancia de “esforzarse e ser optimistas” e lembrou que “decenas de participantes das edicións pasadas conseguiron un emprego a raíz do aprendido neste obradoiro”.
Tanto o delegado como o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, puideron comprobar os avances do grupo ao degustar un pequeno almorzo preparado e servido polos alumnos e alumnas.