A conselleira de Política Social e Igualdade asistiu esta mañá ao acto acompañada da delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz
Fabiola García inaugura o novo centro de día do fogar e clínica San Rafael de Vigo, que contará con 36 prazas
Puxo en valor o bo facer desta entidade, que leva 90 anos traballando polo benestar das persoas con discapacidade e as súas familias
Vigo, 31 de xaneiro de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, destacou hoxe o papel que desempeñan as entidades sociais na atención ás persoas con discapacidade. Así o subliñou durante a inauguración do novo centro de día do Fogar e Clínica San Rafael de Vigo, que ofrece un total de 36 prazas.
Fabiola García, que estivo acompañada da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, puxo en valor o bo facer desta entidade, que leva 90 anos acompañando ás persoas con discapacidade e ás súas familias, e demostrando que o seu traballo é útil e necesario. Neste sentido, sinalou que este novo servizo súmase ao magnífico labor que fai a entidade para mellorar a calidade de vida das persoas.
A Administración autonómica colaborou economicamente co Fogar e Clínica San Rafael na construción deste novo centro de día San Rodrigo de Pampuri, que ofrece 36 prazas de atención diúrna. Ademais, a entidade conta na actualidade con varios centros que dispoñen de prazas financiadas pola Xunta, un total de 188, que supoñen un investimento anual de 2,9M€.
A conselleira fixo fincapé na estreita colaboración que o Executivo autonómico mantén coas entidades sociais para poñer á disposición das persoas con discapacidade e das súas familias máis servizos, máis facilidades e máis coidados coa maior axilidade posible.