A Xunta aposta pola sustentabilidade de dúas canteiras de Meis cunha axuda de máis de 32.000 euros
O delegado territorial destacou a importancia de seguir apoiando o tecido empresarial galego
A subvención beneficiou a unha decena de empresas da área territorial de Pontevedra, que recibiron 445.000 dos 2,4 millóns de euros orzamentados para esta axuda
Meis, 3 de febreiro de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá as instalacións de Áridos de Umia S.A e Hormigones y Áridos La Barca S.A, ambas no concello de Meis, con motivo das subvencións a empresas privadas para o fomento da sustentabilidade no desenvolvemento da actividade industrial do sector dos recursos naturais.
Neste sentido, o delegado territorial puido visitar a zona de explotación das dúas canteiras e comprobar as melloras levadas a cabo grazas a estas axudas da Xunta. Así, Áridos de Umia beneficiouse de dúas axudas, por valor total de máis de 13.000 euros, que foron destinados á fabricación dunha balsa de decantación e á renovación das portas e ventás da caseta de administración.
Pola súa banda, Hormigones y Áridos La Barca recibiu un total de preto de 29.000 euros para o saneamento e adecuación da cinta transportadora, a instalación de novas ventás na cabina primaria e a adecuación da cinta de rexeitamento.
Cabe destacar que estas axudas beneficiaron a dez empresas da área territorial de Pontevedra por un valor total de preto de 445.000 euros. O investimento total da Xunta para esta liña en toda Galicia supera os 2,4 millóns de euros.
O delegado territorial aproveitou a visita para poñer en valor “a importancia de seguir apoiando ao tecido empresarial galego”, un tecido empresarial que definiu como “comprometido, moderno e punteiro e que, cada vez máis, aposta por un tipo de industria sustentable”.