A Xunta subvenciona con 56.000 euros as obras de mellora da eficiencia enerxética do anexo ao pavillón municipal de Pontecesures
A actuación financiase con cargo á liña destinada á mellora da eficiencia enerxética en edificios municipais de concellos de menos de 15.000 habitantes do Fondo de Cooperación Local
Na comarca do Salnés e Ullán tamén se beneficiaron os concellos de Ribadumia e O Grove
Pontecesures, 04 de febreiro de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o resultado das obras de mellora no anexo ao pavillón municipal de deportes.
Esta obra, que conta cunha achega da Xunta de 56.000 euros, permitiu mellorar a eficiencia enerxética do edificio, así como a comodidade de todos os deportistas que cada día utilizan as instalacións.
Os traballos permitiron instalar un tabique con porta de acceso para formar un vestíbulo 'corta-ventos'; a instalación dun novo sistema completo de calefacción mediante unha bomba de calor; e a instalación dun falso teito illante na franxa entre o forxado e a parede do pavillón para minimizar as perdas térmicas. Todo isto co obxectivo de diminuír o gasto enerxético do edificio, así como a súa pegada de carbono.
Neste sentido, o delegado territorial asegurou que a Xunta “é plenamente consciente de que diminuír os gastos correntes é unha das principais preocupacións de todos os concellos” e destacou que estas axudas “non solo permiten aforrar ao medio e longo e prazo, senón que ademais permiten renovar os espazos municipais facéndoos máis sostibles e respectuosos co medio ambiente”.
Cabe destacar que esta partida financiase con cargo á liña destinada á mellora da eficiencia enerxética en edificios municipais de concellos con menos de 15.000 habitantes do Fondo de Cooperación Local. Esta liña adicional concedeu preto de 850.000 euros en axudas para a realización de 17 proxectos na área territorial de Pontevedra. No caso da comarca do Salnés e Ullán, ademais de Pontecesures, tamén se beneficiaron os concellos de Ribadumia e O Grove.
Reguera rematou a visita lembrando a necesidade de seguir apostando por unha “política de cooperación entre institucións co obxectivo de mellorar cada día a calidade de vida dos galegos e galegas”.