A Xunta salienta a importancia do diálogo social para afrontar os novos retos do mercado laboral
Vigo, 6 de febreiro de 2025
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe na apertura institucional do encontro Las nuevas relaciones laborales: reformas clave y oportunidades, organizado polo Círculo de Empresarios de Galicia en Vigo co apoio da Xunta.
Pablo Fernández puxo en valor a celebración desta xornada como un punto de encontro clave entre empresas e profesionais co obxectivo de abordar de maneira conxunta os desafíos e oportunidades dun escenario laboral en permanente cambio. Neste marco, reafirmou o compromiso da Xunta co fortalecemento dun mercado de traballo dinámico e inclusivo e indicou a importancia de avanzar no marco do diálogo social para dar resposta a algúns dos retos que hoxe enfronta o mercado, entre os que situou a cobertura das vacantes, a redución da xornada laboral, a flexibilización da formación para o emprego ou a necesaria remuda xeracional.