A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse co presidente de Agadei, Fernando Rolland
Fabiola García destaca a colaboración entre a Xunta e as escolas infantís privadas para estender a gratuidade nesta etapa educativa
O próximo curso todas as escolas infantís privadas adheridas ao programa da gratuidade aplicarán por primeira vez uns criterios de preferencia comúns para a admisión dos nenos e nenas
Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, destacou esta mañá que a colaboración entre a Xunta de Galicia e as escolas infantís de carácter privado é fundamental para estender a gratuidade na etapa educativa de 0 a 3 anos. Así o sinalou durante a xuntanza que mantivo esta mañá co presidente da Asociación Galega de Escolas Infantís (Agadei), Fernando Rolland.
No encontro analizaron os cambios establecidos para o vindeiro curso que por primeira vez recollen que todas as escolas infantís privadas e de iniciativa social do programa de gratuidade aplicarán por primeira vez uns criterios de preferencia comúns. Así, a conselleira destacou que se dará prioridade aos fillos e fillas dos traballadores da escola, aos nenos e nenos que teñan a ambos proxenitores en ocupación laboral e no caso das familias monoparentais, cando o pai ou nai tamén se atope nesa situación.
Nesta liña, Fabiola García fixo fincapé en que a gratuidade infantil tanto nas escolas privadas como públicas permite que Galicia sexa líder na escolarización de 0 a 3 anos. Ao respecto sinalou que esta medida xa beneficia na nosa Comunidade a máis de 32.000 familias, permitíndolle aforrar ata 3.000 euros ao ano.