O conselleiro de Sanidade asistiu ao acto que o Colexio de Odontólogos e Estomatólogos da Coruña organizou con motivo da celebración da súa patroa, Santa Apolonia

Gómez Caamaño reafirma o compromiso da Xunta coa saúde bucodental e co incremento e modernización das unidades especializadas

Incide en que a saúde oral constitúe un piar esencial do benestar das persoas, e remarca que a estomatoloxía xoga un papel crucial na prevención, converténdose nun reflexo directo da saúde global

Destaca que o Colexio de Odontólogos e Estomatólogos mantén unha forte aposta pola formación continua, o que resulta primordial á hora de garantir que os seus profesionais estean sempre á vangarda

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, reafirmou o compromiso da Xunta coa saúde bucodental que se está a plasmar co reforzo e modernización das unidades especialidades. Así o sinalou no acto que o Colexio de Odontólogos e Estomatólogos da Coruña organizou con motivo da celebración da súa patroa, Santa Apolonia.

Na súa intervención, o titular da carteira sanitaria sinalou que a saúde oral constitúe un piar esencial do benestar das persoas e incidiu en que a estomatoloxía xoga un papel crucial na prevención, converténdose nun reflexo directo da saúde global.

A este respecto, o conselleiro subliñou o gran labor de entidades como o Colexio de Odontólogos e Estomatólogos, que contribúe enormemente á dignificación da profesión e o seu continuo progreso, con aval científico.

Destacou que o colexio mantén unha forte aposta pola formación continua, o que resulta primordial á hora de garantir que os profesionais da odontoloxía estean sempre á vangarda; e gabou o seu espírito renovador, materializado en iniciativas como a súa Aula Clínica Dixital, así como nas diversas xornadas multidisciplinares que propician o intercambio de ideas.

Gómez Caamaño incidiu en que o esforzo do colexio non se limita ao benestar dos traballadores, senón que tamén vai encamiñado a protexer a saúde e os dereitos da cidadanía. Ao respecto, para o conselleiro, o lema elixido para o acto, “O paciente no centro de todo” é o mellor reflexo do acordo común entre a Administración sanitaria e o Colexio de Odontólogos e Estomatólogos por poñer ás persoas no centro do traballo que desenvolven como máxima prioridade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/02/2025