A Xunta colabora co Torneo Lugo Debate, no que participarán máis de 200 estudantes do 3 ao 5 de abril

O delegado territorial, Javier Arias, estivo na presentación da iniciativa, organizada pola asociación Más Debate

Alumnado de ESO, BAC e Universidade demostrará as súas habilidades nos concursos de debate e oratoria que se desenvolverán no Campus Terra

Lugo, 10 de febreiro de 2025

A Xunta colabora coa asociación Más Debate na organización do Torneo Lugo Debate, que reunirá do 3 ao 5 de abril a máis de 200 estudantes de centros educativos da provincia de Lugo e doutros puntos de Galicia.

O delegado territorial, Javier Arias, participou hoxe no Círculo das Artes na presentación da iniciativa, xunto aos organizadores e a membros doutras entidades implicadas. O lugar elixido para celebrar os campionatos son as facultades de ADE e Ciencias do Campus Terra.

O torneo de debate contará con dúas categorías, unha para alumnado de 3º e 4º da ESO e outra para os niveis de 1º e 2º de BAC. Competirán 16 equipos da ESO e 12 de BAC, que terán entre entre catro e sete membros cada un deles.

Tamén haberá un torneo de discursos, que ademais das dúas categorías anteriores conta cunha terceira para estudantes universitarios. Mediranse 16 oradores por cada categoría e será elixido un gañador por cada unha delas.

Os equipos campións do Torneo Lugo Debate serán premiados cunha viaxe a Bruxelas, onde terán ocasión de coñecer as institucións europeas e visitar outros lugares emblemáticos. Ademais, haberá trofeos personalizados da marca Artesanía de Galicia para os mellores oradores, os equipos gañadores e os subcampións.

O programa inclúe actividades paralelas como charlas, talleres, unha noite cultural o venres 4 de abril coa actuación do cantautor compostelán Luis Fercán e unha visita  pola cidade co guía turístico Guido Álvarez.

Ademais de prestar apoio económico, Arias explicou que a Xunta colabora coa iniciativa ofrecendo aloxamento aos participantes no complexo residencial xuvenil LUG II. Destacou que este tipo de certames “fomentan o diálogo e o pensamento crítico” entre a xente nova, uns propósitos que “coinciden cos obxectivos estratéxicos da Xunta en materia de educación, cultura e xuventude”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/02/2025