A delegada da Xunta en Ferrol informa a AJE Ferrolterra da convocatoria única de axudas para autónomos impulsada polo Goberno galego este 2025
A orde engloba cinco programas de axudas que van desde as que estimulan o inicio de actividade, ata axudas para o mantemento e a consolidación, a conciliación e o Bono Nova Oportunidade
Lembra que o prazo de solicitude desta convocatoria da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración está aberta ata o 30 de setembro
“O obxectivo da Xunta é avanzar na simplificación administrativa e na redución da carga burocrática para este sector estratéxico”
Ferrol, 12 de febreiro de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, mantivo esta mañá unha reunión de traballo coa directiva da Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) Ferrolterra, na que puxo en valor o reforzo aos apoios ao tecido autónomo activado polo Goberno galego co lanzamento por primeira vez dunha orde unificada de axudas específicas para este colectivo.
Durante o encontro, no que participaron a presidenta da entidade, vicepresidente, secretario e vogal, Yadira Tenreiro, Ismael Rivera, Raúl Lomba e Bruno Otero, respectivamente, Aneiros debullou as cinco liñas dispoñibles dentro desta convocatoria única, cofinanciada parcialmente pola Unión Europea a través do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 e dotada de máis de 40,7 M€.
“O obxectivo da Xunta é o de avanzar na simplificación administrativa e na redución da carga burocrática para este sector estratéxico da nosa economía”, sinalou a delegada territorial.
Detallou que esta convocatoria inclúe programas de inicio de actividade como o programa de promoción do emprego autónomo e da cota cero dotados de 28,9 M€, e outros de consolidación e mantemento da actividade como o Bono Autónomo, (8 M€) para a mellora da competitividade; o Bono Nova Oportunidade (1,5 M€) e o Bono Remuda (1,2 M€) para facilitar a transmisión de negocios rendibles.
A orde inclúe tamén o programa de conciliación (1 M€) co que a Xunta apoia a contratación, por parte dos autónomos, dunha persoa desempregada para cubrir a súa baixa de maternidade ou paternidade, ou por risco polo embarazo ou a lactancia, e para o coidado de menores, maiores ou dependentes.
Aneiros informou tamén que, de forma complementaria a esta orde unificada, o Goberno galego vén de convocar as axudas para a contratación do primeiro, segundo e terceiro traballador por parte de autónomos, ás que se destinan 1,35 M€.
Tanto a orde unificada como a específica de contratación permanecerán abertas ata o día 30 de setembro.