O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou na gala da XIV edición do Premio Joven Empresario/a e Iniciativa Emprendedora de AJE Galicia

A Xunta enxalza o papel de AJE Galicia e a colaboración con esta entidade na retención do talento mozo e no pulo á remuda xeracional do tecido empresarial

José González destacou a Estratexia Mocidade Activa que inclúe apoios á contratación como os programas abertos Investigo (4,8 M€) e Galicia Emprega Moz@s (3,5 M€) ou o de primeira experiencia profesional (6,3 M€), que se lanzará en próximas semanas

Salientou a estratexia global que desenvolve o Goberno galego para potenciar o emprendemento con medidas ás que neste exercicio destinará máis de 32 M€

Puxo en valor a contribución dos autónomos á economía galega e o apoio do Executivo galego a este colectivo cunha orde unificada de axudas de máis de 40 M€ para as que se implementou un chatbot de resolución de dúbidas

Mencionou distintas accións do Goberno autonómico para a atracción de talento interno como foráneo, entre elas feiras de emprego que se celebrarán na Arxentina (6 e 7 de marzo) e O Uruguai (10 de marzo) da man das empresas galegas

A Coruña, 13 de febreiro de 2025

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou no acto da XIV edición do Premio Joven Empresario/a e Iniciativa Emprendedora de AJE Galicia, onde destacou a colaboración da Xunta con AJE e o papel desta entidade na captación de talento mozo e no pulo á remuda xeracional do tecido empresarial. Nesta liña, expuxo que se trata dun exemplo da colaboración público-privada pola que aposta a Xunta para facer fronte a estes retos e felicitou ás persoas candidatas e ás premiadas na gala de hoxe.

Parte desta colaboración, expuxo, reflíctese no convenio entre a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e esta entidade en materia de emprendemento, ao que se dará continuidade este ano para seguir contribuíndo a xerar sinerxías coa rede de polos de emprendemento, así como a desenvolver accións de asesoramento e mentorizacións para a creación de empresas. 

Durante o evento, no que tamén participou o presidente de AJE Galicia, Luciano Covelo, e ao que tamén asistiron, entre outros, a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, o conselleiro tamén puxo en valor a aposta do Goberno galego a prol da empregabilidade da mocidade, tanto por conta propia como allea, con medidas ligadas ao territorio e enfocadas a reter o seu talento.

Entre elas, destacou a Estratexia Mocidade Activa dotada con 20M€ desde a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e que inclúe apoios á contratación como os programas con prazo aberto para a presentación de solicitudes Investigo (4,8 M€) ou o Galicia Emprega Moz@s (3,5 M€), este último dentro do Galicia Emprega. Tamén se referiu ao de primeira experiencia profesional (6,3 M€), que se lanzará en vindeiras semanas.

No ámbito do emprendemento, puxo de relevo a estratexia global que desenvolve o Goberno galego con distintas medidas para potenciar a vocación emprendedora da comunidade ás que neste exercicio destinará máis de 32 M€. Ademais, engadiu que Galicia seguirá favorecendo as sinerxías entre as oficinas de emprego e a rede de polos para aproveitar o talento da mocidade, tanto por conta propia como por conta allea e seguir contribuíndo a un mercado laboral que, con 13.909 persoas, obtivo a cifra máis baixa de paro nos menores de 30 anos nun mes de xaneiro desde que hai rexistros

O titular de Emprego tamén puxo en valor a contribución dos autónomos á economía galega e o apoio da Xunta a este colectivo cunha orde única de máis de 40 M€ coas axudas específicas para a súa actividade e que se poden solicitar ata o 30 de setembro. Neste ámbito, salientou que a Xunta activou un chatbot para facilitar a resolución de dúbidas en tempo real en relación coa tramitación destas axudas.

Feiras de emprego na Arxentina e no Uruguai

Ademais das distintas medidas para atraer talento dentro da comunidade, José González, salientou outras accións do Executivo galego para favorecer en paralelo a atracción de talento no exterior, a través do retorno de galegos da diáspora e traballadores de 3ºpaíses, sempre dun xeito ordenado e da man das empresas. Nesta liña, e ao abeiro do plan de captación de talento implementado este ano pola Xunta, o conselleiro lembrou que se celebrarán feiras de emprego na Arxentina, o 6 e 7 de marzo, e no Uruguai, o 10 de marzo, da man de clústeres e empresas galegas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/02/2025