A Xunta destaca en Ponteareas a nova convocatoria unificada de apoios á dixitalización, modernización e sustentabilidade do tecido comercial e artesanal
Ponteareas (Pontevedra), 14 de febreiro de 2025
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén —acompañado da alcadesa de Ponteareas, Nava Castro, doutros membros da corporativa local e as presidentas das asociacións de comercio local de Ponteareas— realizou un percorrido polas rúas da localidade pontevedresa repartindo rosas en diversos establecementos co motivo da celebración promovida no Concello polo Día dos Namorados e a estrea da páxina web do comercio local ponteareán.
Gabriel Alén fixo fincapé na constante evolución do comercio minorista que ten que adaptarse á realidade actual e dar resposta aos novos hábitos de compra dos consumidores, destacando a publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) da nova convocatoria unificada de apoios á dixitalización, modernización e sustentibilidade do tecido comercial e artesanal, no marco do Plan Estratéxico de Comercio 2025-2030 —que estará listo no primeiro trimestre de este ano—. Como novidade desta convocatoria, dotada de case 4M€, o director xeral destacou a unificación de tres liñas de axudas —compatibles entre si—, orientadas á dixitalización do punto de venda, á mellora da imaxe e eficiencia enerxética do local e, por primeira vez, ao uso de embalaxes sustentables. Ademais, Alén lembrou o compromiso da Xunta coa potenciación dos mercados e prazas de abastos, lembrando a colaboración do Executivo autonómico co concello de Ponteareas para impulsar a nova praza de abastos do municipio, cunha achega de 800.000 €