A Xunta presenta novos contidos educativos dixitais de cREAgal para reforzar a aprendizaxe híbrida
Os recursos, para Matemáticas de 1º de ESO, dixitais van acompañados de materiais complementarios que poden empregarse en papel, así como dunha guía docente
Moaña (Pontevedra), 17 de febreiro de 2025
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visitou hoxe o Instituto IES As Barxas, en Moaña, para presentar os novos contidos educativos dixitais do programa cREAgal. Tal e como explicou, “trátase de materiais cos que a Xunta de Galicia reforza a aprendizaxe híbrida, dado que o contido dixital vai acompañado de documentación que se pode empregar en papel, incluíndo unha guía docente”.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou, ademais, que son recursos dunha alta calidade e elaborados por docentes, que van dirixidos a distintas etapas educativas e cobren o currículo completo das materias, con actividades de grupo e multinivel”.
En concreto, os novos contidos refírense á materia de Matemáticas de 1º de ESO. Plantexan situacións de aprendizaxe para traballar o cálculo de porcentaxes mediante un mapa de busca dun tesouro; afondar nas operacións con fraccións e números decimais respectando a xerarquía a través dunha trama novelesca de intento de asasinato por mor dunha herdanza; introducir aos estudantes á álxebra empregando como elemento motivador as casetas dunhas festas patronais, ou aprender os elementos básicos da xeometría e medida elaborando un panel informativo con descricións e representacións gráficas de edificios de valor histórico e outras construcións singulares.
De forma parella, traballan estratexias de resolución de problemas e de traballo en equipo, a comprensión de textos formais como testamentos e poñen en valor o patrimonio galego, entre outros.
Recursos abertos
cREAgal é o proxecto a través do que a Xunta está a poñer a disposición de todas as aulas virtuais dos centros galegos recursos educativos gratuítos en aberto deseñados, baixo unha coordinación común, por máis dun centenar de docentes. Deste xeito, a iniciativa galega é a única na que estes recursos están directamente vencellados aos currículos e cobren todas as áreas e materias.
Proximamente estarán dispoñibles tamén materiais para 5º e 6ª de Primaria, de 1º de ESO e de parte das materias de 2º de ESO. Os contidos iranse implementando paulatinamente ata 4º curso desta etapa.
Os materiais son de licenza aberta, que permite a súa reutilización, modificación e adaptación ao contexto de cada aula, alumno e centro, o que os fai completamente universais e personalizables. Ademais, o proxecto incide na inclusión, de modo que todos os recursos son accesibles e pensados para adaptalos á atención á diversidade.