A Xunta e cortizo exploran novas vías de colaboración no eido da formación profesional

A directora xeral de FP visita as instalacións da empresa e preséntalles as posibilidades do sistema de acreditación de competencias para os traballadores

A compañía leva anos colaborando na FP Dual Intensiva e nas prácticas convencionais do alumnado de ciclos formativos

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2025

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, visitou esta mañá as instalacións da empresa Cortizo para explorar co seu equipo directivo novas vías de colaboración do eido da Formación Profesional. En concreto, a representante da Xunta de Galicia presentoulles as posibilidade do sistema de acreditación de competencias para que os traballadores poidan obter un recoñecemento académico das habilidades adquiridas pola súa experiencia laboral ou por vías non formais de cualificación.

A directora xeral explicou que este procedemento permite ás persoas traballadoras obter un certificado oficial válido en todo o territorio nacional que demostra a súa experiencia e coñecemento, o que redunda nunhas mellores perspectivas laborais. “Isto supón, ademais, un claro beneficio para as empresas, dado que contribúe a unha mellora profesional do seu capital humano, o que inflúe en aspectos como a súa participación en convocatorias públicas e inflúe de xeito moi positivo na súa responsabilidade social corporativa”, destacou.

Deste xeito, Eugenia Pérez animou a Cortizo a promover entre os seus empregados a participación neste proceso. “Desde a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP proporcionamos todo o asesoramento preciso e mesmo visitamos as empresas para identificar os perfís profesionais que se axustan máis para cada persoa e acreditación”, incidiu, lembrando que o proceso é totalmente gratuíto para os participantes. “O obxectivo é favorecer un procedemento colectivo de acreditación co que chegar ao maior número de persoas", engadiu.

Máis de 70 prazas en 11 proxectos diferentes

No transcurso da visita a directora xeral quixo tamén agradecer á empresa a súa colaboración na formación do alumnado de FP, tanto a través das prácticas convencionais como da súa participación en proxectos de FP Dual. Non en balde, desde o curso académico 2022/23 Cortizo ofertou máis de 70 prazas para 11 proxectos diferentes de Dual Intensiva, dos que 11 son alumnos que se especializarán este ano en fabricación e montaxe de instalacións de tubaxe industrial nas súas instalacións, e outros 18 alumnos realizaron prácticas formativas na sede da empresa padronesa.

Cortizo participa ademais no novo Plan FPGal360 de orientación profesional integral, no programa de visitas para dar a coñecer ao alumnado a realidade das empresas galegas punteiras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/02/2025