Rueda visita en Silleda a feira CIMAG-Gandagro, escaparate tecnolóxico para o sector agrogandeiro

Silleda (Pontevedra), 22 de febreiro de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe a Feira ABANCA CIMAG-Gandagro, que estes días celebra a súa 5ª edición. Trátase dun dos principais escaparates tecnolóxicos para o sector agrogandeiro galego, e inclúe unha ampla programación que abrangue mesas redondas, conferencias especializadas, cursos formativos e competicións sobre deseño innovador ou optimización de recursos.

A Xunta aposta pola innovación agraria como motor de competitividade e desenvolvemento da agricultura e da gandaría, impulsando a incorporación de novas tecnoloxías ás rutinas produtivas como impulso á actividade.

Tres dos eixos nos que se traballa a prol da transformación do sector son o emprego de novas ferramentas innovadoras que contribúan a maximizar a produción; a aposta pola economía verde como garantía de responsabilidade ecolóxica, con Galicia como unha das Comunidades líderes en prácticas agrarias sostibles; e a investigación e formación como mellora das competencias dos profesionais do sector primario, transferindo o coñecemento dos centros de investigación ás rutinas produtivas. Entre as medidas que a Xunta ten en marcha para impulsar o sector inclúense a aprobación da superación de límites na convocatoria da PAC 2025, os 46 millóns de euros destinados á incorporación de mozos e novos agricultores e plans de mellora ou as axudas para o fomento do uso de maquinaria agrícola en común, dotadas con 5,1 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/02/2025