A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse con representantes da entidade
A Xunta e a Asociación Española de Amoníaco Renovable coinciden na importancia de desenvolver proxectos de enerxía eólica para avanzar cara á descarbonización
O impulso das enerxías renovables é fundamental no proceso de fabricación de amoníaco xa que a electricidade necesaria para que se poida cualificar como verde debe proceder de fontes renovables
Ángeles Vázquez incidiu na importancia que teñen os proxectos eólicos para afrontar o cambio climático e, de feito, a Unión Europea considera que estes proxectos son de interese público superior no camiño cara á neutralidade climática
Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2025
A Xunta e a Asociación Española de Amoníaco Renovable (AEAR) coincidiron hoxe na importancia de desenvolver proxectos eólicos en Galicia para avanzar cara á descarbonización.
Durante unha reunión que mantiveron hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e representantes desta asociación multisectorial sen ánimo de lucro, analizaron os beneficios que o amoníaco renovable ten para a industria, o transporte, a agricultura e a economía así como a situación actual do sector eólico na Comunidade.
Nesa liña, tal e como lle explicaron á conselleira, o impulso das enerxías renovables é fundamental neste eido xa que a electricidade necesaria para que o amoníaco poida cualificarse como verde debe proceder de fontes renovables.
Cómpre indicar tamén que o amoníaco é o segundo produto químico en volume producido e a súa transición cara a unha fabricación renovable permitirá evitar as actuais emisións de gases de efecto invernadoiro e facilitar o transporte e almacenamento de hidróxeno renovable.
No encontro avaliaron tamén o estado actual do desenvolvemento das enerxías renovables en Galicia. Nesa liña, incidiron na importancia que teñen os proxectos eólicos para afrontar o cambio climático e, de feito, a Unión Europea considera que estas iniciativas empresariais son de interese público superior no camiño cara á descarbonización e á neutralidade climática.
A conselleira lembrou que a Xunta, ao igual que o Goberno central, xa se presentou como parte interesada ante o Tribunal de Xustiza da UE en defensa da lei estatal de avaliación ambiental. E, ademais, engadiu que tamén se solicitou ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico a rectificación do visor que considera o 100% do territorio galego como sensible á implantación de proxectos eólicos, xa que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) está a facer unha mala interpretación da súa función orientativa e utilízaa como argumento para suspender a autorización ambiental outorgada pola Administración autonómica.